Concursos de beleza sen beleza?

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Patrick Seeger / DPA

O anuncio de eliminar o desfile en bañador no concurso de Miss América reabre o debate sobre este tipo de eventos

18 jun 2018 . Actualizado ás 11:38 h.

Ao entrar na páxina web de Miss América, un dos concursos de beleza con máis arraigamento nos Estados Unidos (a pesar de que durante anos só podían presentarse mulleres brancas), aparece unha pantalla na que se pode ler «Miss Estados Unidos 2.0. Proximamente: nova web...». É a primeira pista de que algo está a cambiar nun certame que as feministas non lograron abolir ao berro de «¡Liberdade!» en 1968, pero que deu un xiro hai uns días ao anunciar que eliminará o desfile en traxe de baño. A reforma, que entrará en vigor no certame que celebrarán en setembro a nivel de todo o país, resulta un cambio máis dos moitos provocados en diferentes ámbitos polo movimento #MeToo. Ademais, parece mostrar os aires de cambio que chegan coa ex Miss América Gretchen Carlson, que tomou as rendas do concurso tras a marcha do anterior director executivo San Haskell, que foi expulsado.

Pero o xiro tamén abre o debate sobre os concursos de beleza e sobre medidas como a de eliminar o bañador, porque, á fin e ao cabo, son certames onde se xulga iso: a beleza e onde o obxectivo de moitas mulleres ou homes, no caso dos certames de míster, é dar o salto ao mundo da moda como modelos. Silvia Rodríguez, directora de Miss Grand Galicia, un certame de beleza e moda que se organiza na comunidade desde hai dous anos, apunta que «as mozas que veñen a este tipo de eventos, na súa maioría, teñen como obxectivo traballar na moda, é unha forma de catapultarte a ese mundo. Poida que acabe chamándoche Victoria Secret ou Calzedonia, vas dicirlles que non desfilas en bañador?».

Ao seu xuízo, o límite neste tipo de eventos está na liberdade persoal, «cada unha das mozas teñen que estar a gusto co que fan. Cando non o están hai que parar. Ese é o límite». E o de facer pase de bañador ou non, di que dependerá das marcas que estean interesadas en mostrar as súas pezas.

Algo parecido é o que opina o director de Miss World Spain, Cres del Olmo, quen matiza que en Miss Mundo non hai pase en bañador, pero en España «depende do patrocinador». Ademais, recalca que este evento vai máis aló dun mero concurso de beleza porque, baixo o lema beleza por un propósito, as candidatas han de presentar un proxecto social.

Fronte a estas posturas, a presidenta da Asociación Abrandares en Igualdade de Pontevedra, Beatriz Piñeiro, apela á liberdade individual e di que, a pesar de que detrás dalgúns destes eventos houbo cousas que «nunca me gustaron e que me producen unha sensación de feira que non me gusta pola utilización que para o meu se fai da muller, respecto a súa existencia e que a xente vaia mentres o faga con liberdade, que o trato entre homes-mulleres sexa igual e todo se desenvolva de forma transparente».

Máis dura é Gema López, a representante en Galicia da Caixa de Pandora, un movemento de artistas a nivel estatal que xurdiu tras as denuncias de acoso dunha artista: «Cremos que este tipo de concursos non deberían de existir. Non estamos de acordo co enfoque de pretender que unha muller estea competindo con outras para tentar ser unha referencia de muller en metas, ambicións na vida e representar unha nación. Non estamos de acordo. As mulleres estamos en todos os ámbitos da sociedade e aí é onde temos que vivir, e non no concurso. Na arte tamén queremos que nos xulguen como artistas, non como musas».