Identifican 63 variantes xenéticas do cancro de próstata

E. Á. SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

PEPA LOSADA

Galicia participa neste estudo mundial que permitirá mellorar o tratamento

14 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Só tres grupos españois participaron nun macro estudo a nivel internacional que logrou identificar 63 novas variantes xenéticas que incrementan o risco de sufrir cancro de próstata. E dous destes equipos son galegos, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e o de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Descubrir estas variantes non só será determinante na detección do tumor senón tamén no tratamento posterior dos enfermos. As revistas científicas Nature Genetics e Nature Communications publicaron o resultado das investigacións. Das 63 variantes a inmensa maioría predisponen a este tipo de cancro en xeral, salvo unha, que incide na aparición deste tumor nos homes antes dos 55 anos, un tipo que adoita ser moito máis grave que o que se asocia á idade.

Un de cada sete homes nos países occidentais terá cancro de próstata ao longo da súa vida, cuxos factores de risco son fundamentalmente a idade, pero tamén os antecedentes familiares e mesmo o grupo poboacional, xa que é máis frecuente en africanos, seguido de europeos e asiáticos. Poucas destas variantes implican un risco alto de cancro, e as máis importantes son as mutacións do xene BRCA2, que tamén se identifican nunha porcentaxe de familias con cancro de mama e ovario hereditario.

Os traballos de investigación dos grupos galegos englóbanse nun proxecto internacional denominado Practical, que involucrou a científicos de 60 institucións diferentes, dúas delas galegas. Analizáronse os datos xenéticos de 140.000 homes, dos que 80.000 tiñan cancro de próstata e o resto funcionaban como grupo de control. No caso de Santiago, os investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria incluíron a case 1.400 pacientes, algúns con cancro e outros de control.

Identificar casos

Lograr identificar que variantes xenéticas aumentan a susceptibilidade de sufrir cancro de próstata permitirá deseñar estratexias de screening , é dicir, detectalo precozmente, e unha vez identificado mellorar o manexo clínico dos propios pacientes.

Das 63 variantes xenéticas que acharon os científicos e asócianse ao cancro de próstata, unha delas predispone á aparición deste tumor antes dos 55 anos nos homes, un tipo con prognóstico moito peor que o resto.