O romanticismo das dietas milagre

SOCIEDADE

De verdade non hai dietas milagre? O certo é que habelas, hailas. De feito, lévaas habendo desde hai dous séculos

10 oct 2018 . Actualizado ás 18:02 h.

De verdade non hai dietas milagre? O certo é que habelas, hailas. De feito, lévaas habendo desde hai dous séculos. Parece ser que a primeira dieta publicada e publicitada como tal foi proposta, en 1825, polo xurista francés Jean Brillat-Savarin na súa obra gastronómica A fisiología do gusto. No entanto, aínda houbo que agardar catro décadas para que aparecese o primeiro libro dedicado integramente a unha dieta e que se converteu nun éxito: en 1863 o inglés William Banting, quen antes de converterse en gurú da alimentación era un enterrador con problemas de sobrepeso, publicaba o seu Letter of corpulence, tratado no que daba a coñecer a dieta coa que conseguira perder eses quilos de máis e que acadou unha gran repercusión. Ata o punto de acuñarse a expresión «facerse un Banting». No seu descargo hai que dicir que o seu método se baseaba en algo tan sinxelo como unha dieta hipocalórica que instaba a substituír o pan, o azucre e as patacas por peixe e verduras.

Pero xa antes diso, a comezos do século XIX, o romanticismo europeo padecera a primeira dieta milagre adelgazante promovida por unha celebrity. Lord Byron presumía de tipo fino e palidez -ao parecer baixou de 88 a 57 Kg- grazas a que se alimentaba fundamentalmente de vinagre de mazá e de patacas empapadas do mesmo. Unha dieta que foi adoptada por moitos mozos románticos que aspiraban a estar tan delgados e espectrales como o poeta.

Pero é a partir do s. XX cando se abre a barra libre das dietas milagre, definidas como aquelas que non teñen ningunha base nin evidencia científica.

Ao redor de 1903 a chewing diet de Horace Fletcher -a saber, masticar cada bocado ata a saciedade… e ata chuspilo unha vez extraído todos os seus mollos e nutrientes- converteuse en todo un fenómeno, chegándose a organizar quedadas para practicala en grupo. Tamén por entón comezou a publicitarse a dieta da tenia, que pasaba por inxerir unha larva do parásito; e que garantía, ademais da perda de peso, diarreas, vómitos e tremendas dores intestinais.

Os anos vinte viron o auxe da dieta do cigarro, por mor dunha exitosa campaña publicitaria de Lucky Strike que invitaba a fumar un Lucky antes que tomar unha lambetada. E así mesmo da dieta inuit que permitía comer toda a carne de reno, peixe cru e aceite de balea que se quixese.

En 1930 aparece a dieta do pomelo, consistente en tomar un antes de cada comida e que rebautizada como a dieta de Hollywood ou das estrelas segue vixente nos nosos días con múltiples variantes -piña, alcachofa, etc-. E o mesmo sucede coa dieta da sopa de cabaza popularizada nos anos 50 polas estrelas cinematográficas da época.

Pouco antes, en 1941 o naturópata Stanley Burroughs introducira a dieta da limonada, o primeiro tratamento détox ou depurativo e que pasaba por inxerir un mínimo de seis veces ao día durante dez días, unicamente unha beberaxe a base de zume de limón, sirope de arce, auga e pementa cayena. Tratamento que no 2006 volveu ao primeiro plano da actualidade ao confesar Beyoncé que ese era o segredo da súa figura.

Nos 70 viviuse o auxe dos estupefacientes e da dieta do soño -que segundo se rumoreaba practicaba Elvis Presley-; que apostaba por substituír o comer acotío por durmir acotío abarrotándose de narcóticos.

Finalmente, en 1977 lánzase ao mercado o primeiro -ou polo menos o primeiro que acadou éxito- batido adelgazante sustitutivo, o Slim Fast, que se debía beber substituíndo ás comidas.

Visto o visto, o milagre é que se siga dando crédito -ou cando menos pábulo- a segundo que dietas.