Galicia xa fai pagar aos pais as multas a menores por beber alcol

m.c. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Pilar Canicoba

O Congreso propón sancións directas aos proxenitores e plans de reeducación se non pagan

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Uns 10.000 menores en idade pediátrica (entre 12 e 15 anos) realizan un consumo de risco de alcol en Galicia. Esa realidade, corroborada polos datos que manexa o Grupo de Psicoloxía do Consumidor da Universidade de Santiago (USC), evidencia a existencia dun problema de saúde pública que non só se estende polo resto das comunidades, senón tamén polo resto de Europa. Tras levar anos tratando de atallalo, o Ministerio de Sanidade pretende agora aprobar este ano un proxecto de lei que, entre outras cousas, marcará multas para os pais dos menores que beban, prohibirá o botellón e vetará a venda de alcol a menores nas festas tradicionais ou en eventos de gran concentración de persoas.

Coa idea de que non haxa un deixamento de funcións por parte dos pais, o informe que establecerá as bases da nova norma aprobado a semana pasada na Cámara Alta e que agora está pendente de aprobación por parte da Comisión mMixta Congreso-Senado para o Estudo do Problema das Drogas lanza un aviso aos proxenitores, ademais de buscar un obxectivo «educativo e pedagóxico». Como recolle Europa Press, no caso de que haxa reincidencia grave por parte dos menores quedando demostrado que é produto dunha actitude neglixente dos seus pais, podería aplicarse a normativa de protección de menores.

Para poder condonar a sanción, estes últimos deberán de ir xunto cos seus fillos ás actividades educativas que lles sexan impostas como alternativa co obxectivo da reeducación e a prevención.

A falta de coñecer os detalles da nova lei, a medida de multar aos pais non é nova. Aínda que non os sanciona directamente, a lei galega do 2010 apunta que «cando a responsabilidade dos feitos cometidos correspondese a menores de idade, responderán subsidiariamente os seus pais e nais, titores e titoras e guardadores e guardadoras legais ou de feito, por esta orde [...]. A responsabilidade subsidiaria virá referida a sufragar a contía pecuniaria da multa imposta». Un menor que é denunciado por tomar alcol exponse a unha multa de ata 600 euros, cando o fai por primeira vez. Ademais, por exemplo, invitar a un fillo menor a unha cervexa pode traer unha sanción de ata 3.000 euros. A cuestión, como apuntan os expertos, é que a nova lei estea dotada dos medios para desenvolver ordenanzas municipais dirixidas a levala a cabo. Ademais, ha de fomentar programas de prevención nas escolas coa implicación dos pais.

«O problema é que hai un elevado desleixo por parte de moitos pais», apunta o profesor da Universidade de Vigo e técnico en prevención de adiccións Manuel Isorna. Ao seu xuízo, educar aos pais tamén é outra tarefa imprescindible. A xuízo do psicólogo da USC, Antonio Rial Boubeta, hai que facer prevención a nivel familiar e escolar». E non só iso. «Hai que actuar con valentía á hora de aplicar a norma e dedicar recursos a prevención, algo que está nun estado moi precario.», di. Desde a Fundación de Axuda contra a Drogadicción non ven mal as sancións a pais de menores que beban, pero pide un plan integral ante un problema «tan complexo».

Outras recomendacións

  • Os hostaleiros non poderán marcar unha franxa horaria con descontos en bebidas alcohólicas. O informe recomenda que as tendas non vendan alcol entre as 22.00 horas e as 7.00 da mañá.
  • Prohibir a «happy hour» nos locais
  • Ademais de que se prohiba a venda de bebidas alcohólicas en gasolineiras, tamén pide que estas inclúan mensaxes advertindo dos riscos sanitarios, como sucede cos paquetes de tabaco.
  • Advertencia sanitaria como a do tabaco
  • O informe que sentará as bases da nova lei propón endurecer máis as normas de patrocinio de marcas de bebidas alcohólicas en actividades culturais e de lecer ás que acudan menores.Limitar os patrocinios en actividades de lecer
  • Propón revisar a porcentaxe de imposto especial aplicado ás bebidas alcohólicas. Buscan que estes sexan directamente proporcionais á cantidade de alcol que conteñen.
  • Revisar o imposto especial que se aplica

Islandia logra baixar o consumo implicando ás familias

MARCOS MÍGUEZ

Fai xusto vinte anos as alarmas saltaron en Islandia. Un 42 % dos menores de entre 15 e 16 anos dese país con 338.349 de habitantes recoñecían haberse emborrachado. Máis aló da imaxe que daban os multitudinarios botellóns organizados nas rúas, o tema do alcol era un grave problema de saúde pública. Agora aquela espectacular porcentaxe reduciuse ata o 5 %. Cal é a receita que aplicaron e que pretenden cociñar tamén no concello de Ourense? Foi traballar directamente coas familias e incrementar os orzamentos dedicados a fomentar as actividades culturais e deportivas entre os mozos coa idea de que teñan ocupado o seu tempo libre. Pero aínda hai máis.

Manuel Isorna explica que o que fixeron foi implementar cinco liñas de traballo que, ao seu xuízo, son fundamentais: «O primeiro foi traballar coas familias, non só é cousa de multar aos país», di. Neste sentido lembra que tamén implantaron un toque de queda que prohibe aos menores estar sos na rúa a partir das dez da noite, no inverno, e das doce, no verán. Poden facelo, pero han de estar cos seus pais.

Ademais, converteron en obrigatorio acudir a actividades culturais ou deportivas despois do horario lectivo, eliminaron a publicidade de alcol e tabaco e aumentaron os recursos dirixidos á formación dos pais. «Todos os centros han de implantar escolas de pais ás que é obrigatorio acudir e despois hai multas económicas», apunta.

Pero, ademais, as empresas teñen desgravacións fiscais por deixar aos pais acudir ás escolas de pais nos centros de educación. A idea é que os proxenitores non acaben desentendiéndose ou delegando o seu papel de educadores.