McDonald's elimina a hamburguesa con queixo do Happy Meal

A.I.

SOCIEDADE

A cadea de comida rápida quere establecer hábitos de vida saudable eliminando calorías do menú infantil

18 feb 2018 . Actualizado ás 08:41 h.

Ao prato estrela do menú infantil de McDonald's quedan os días contados. A empresa de comida rápida decidiu eliminar a hamburguesa con queixo do Happy Meal. O mesmo sucederá co batido de chocolate que se inclúe no menú, tal e como anuncia a propia empresa a través dun comunicado.

O obxectivo non é outro que fomentar hábitos de vida saudable e reducir a cantidade de calorías, graxas saturadas, sodio e azucres engadidos que se inclúen en cada Happy Meal. É por iso que McDonald's tomou esta decisión póndose como meta que no 2022, polo menos a metade dos menús infantís estean por baixo das 600 calorías. Iso si, tanto a hamburguesa con queixo como o batido non se eliminarán do todo, senón que será decisión dos pais incluíla ou non no menú.

Polo momento, esta medida só se aplicará nos Estados Unidos, cun problema de obesidade infantil moi importante. É por iso que McDonald's tamén quere reducir a cantidade de patacas fritas no menú e é por isto que creará un tamaño especial para os máis pequenos da casa. Con esta medida, a cadea de comida rápida prevé reducir os azucres engadidos nun 50 % e as graxas saturadas nun 13 %, segundo reza no comunicado.

Lonxe de aceptar as medidas saudables que quere aplicar McDonald's, foron moitos os clientes que mostraron as súas queixas a través das redes sociais. Comentarios como «aquí estou coa miña familia escoitando as noticias sobre o Happy Meal...» foron algúns dos que se puideron ler en Twitter, argumentando que ninguén acode a este tipo de establecemento se quere comer san.