Cando descobres que é a túa filla quen fai «bullying»

M. Queijo REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

O fío de Twitter dunha nai que che fará reflexionar sobre o acoso escolar e o difícil que é detectalo

16 feb 2018 . Actualizado ás 20:24 h.

«Mirade como é o bullying de discreto, pillo, cabronazo e difícil de detectar: Dúas amigas de toda a vida chegan a 6º de primaria. Aí empezan a ter algún rozamento, nada importante. Cousas de crías». Así comeza o fío en Twitter da usuaria \2Cronopia, que explica como se produce, paso a paso e con nomes ficticios, unha situación de acoso escolar.  

«Un día, unha delas -llamémosle Tiburcia- chega a casa dicindo que xa nunca máis quere ser amiga da outra -llamémosle Erífila-. A que vos molan os meus nomes. Ben. Tiburcia di que xa non quere ser máis amiga de Erífila e na súa casa dinlle que ningún problema, que ela é moi libre de ter as amizades que queira», continúa \2Cronopia o relato.  «Un par de días máis tarde, Tiburcia explica en casa que, sen saber por que, hai máis nenas/vos que xa non queren xogar máis con Erífila. A nai de Tiburcia advírtelle: 'nada de deixar a ninguén de lado, eh. Unha cousa é non ser amigas, e outra moi distinta facerlle o baleiro a alguén', porque en casa de Tiburcia están moi concienciados co tema do bullying. Tiburcia explica que non hai problema, que Erífila ten máis amigas e que non está soa. De cando en vez explica 'hoxe a Erífila dixéronlle tal cousa', pero nunca é un insulto, sempre son pequenas frases un pelín desagradables pero aparentemente sen importancia». 

«Ata que un día Tiburcia chega a casa explicando que a directora a chamou ao despacho para saber que leites está a pasar con Erífila. A nai de Tiburcia nota que hai algo que se lle escapa, porque a directora non che chama ao despacho sólo porque teñas perdido unha amizade, así que decide chamar á nai de Erífila. E a nai de Erífila explícalle o seguinte: Que levan semanas sen dirgirse á súa filla máis que para facerlle comentarios despectivos. Que lle sacan CADA DÍA o anorak do perchero e tíranllo ao chan. Que no comedor hanlle dito CADA DÍA que se cambie de mesa. A nai de Tiburcia pregunta se a súa pequena Tiburcita tivo algo que ver con todo este lixo e a resposta é afirmativa. A boa muller intenta non montar en cólera pero TIBURCIA VEN AQUÍ AGORA MISMOOOOOOOO QUE TEMOS QUE FALAR.».

«E entón interroga á pequena Tiburcia: 'Ti descolgácheslle algunha vez o anorak de Erífila para tirarllo ao chan?'. 'Hmmmm...non...eu non. Pero vin quen o facía'. 'E cando has visto que lle tiraban o anorak ao chan non fixeches nada para impedilo?'. 'Non...'. 'Ti algunha vez haslle dito a Erífila que se cambie de mesa no comedor?'. '...Unha vez só, mami. Pero díxenlle que se quería, que se non quería, non. Os que lle din que se cambie cada día son os outros'. 'E ti que fas cando á que foi tantos anos a túa mellor amiga dinlle que se cambie de mesa?'. '[...]'. E así é todo: ninguén fixo nada en concreto». Así reflicte esta tuitera como aparentemente non se produciu ningunha situación extrema «ninguén fixo nada 'moi gordo'», pero que unha nena que era feliz, tiña amigos e gustáballe ir ao colexio pasou a ser unha nena que chora todas as tardes e está soa.  

O máis rechamante do fío, e o máis aplaudido tamén polo resto de usuarios de Twitter e que fixo que a historia se faga viral, é que a propia \2Cronopia recoñece case ao final que a súa filla era unha das protagonista do relato: non a vítima, senón unha das acosadoras. «O peor de todo isto é que en casa de Tiburcia falouse unha e mil veces de que é o bullying, como se orixina e que NON se debe facer para converterse nunha acosadora. E o outro peor é que "Tiburcia" non é Tiburcia: é a miña filla maior. Pregunteille como puido facer algo así e, despois de pensar uns segundos, dixo: 'pasa sen que che deas conta'».

Intimidación, chantaxe, abuso. Humillacións, insultos, ameazas. Non se trata dun insulto esporádico, unha broma puntual ou unha pelexa no patio. Tampouco é un enfado entre amigos. En situacións de acoso escolar do que se fala en realidade é de malos tratos entre iguais, de situacións que poden supor violencia física directa (golpes, agresións, empuxóns..) ou indirecta (esconder ou romper obxectos, por exemplo), aínda que as agresións máis frecuentes son as verbais. Tamén se produce un terceiro tipo de malos tratos, o social, que consiste en organizar actividades e xogos sen contar de xeito deliberado e con intención de facer dano con esa persoa. 

O servizo de atención telefónica contra o acoso e os malos tratos no ámbito escolar impulsado polo Ministerio de Educación entrou en funcionamento no 2016. A este número 900 018 018 os nenos poden chamar e denunciar aos seus agresores, sendo a chamada completamente anónima e gratuíta. O servizo está activo as 24 horas do día os sete días da semana e é atendido por profesionais como psicólogos e traballadores sociais.