Case 1,4 millóns de nenos viven en situación de pobreza severa en España

Pablo Varela / M. P. / Axencias

SOCIEDADE

Atlas TV

A oenegué Save The Children puxo de manifesto no Día Universal do Neno varios dos problemas aínda existentes no país para cos máis novos, esixindo medidas urxentes ao Goberno.

20 novs 2017 . Actualizado ás 19:27 h.

Conmemórase cada 20 de novembro, pero a súa importancia non radica tanto na data como no obxectivo que persegue. Un ano máis, o Día Universal do Neno pon de manifesto que aínda resta moito por facer no tocante a protexer os dereitos da infancia, unha tarefa xa de seu ardua a nivel global, e da que tampouco escapa España.

Así o expoñen desde a oenegué Save TheChildren , que cifra en catro os retos aínda por liquidar: a loita contra a pobreza, acabar coa violencia, acadar unha educación de calidade e equitativa e garantir a protección dos nenos migrantes e refuxiados. Entender a magnitude do problema é máis doado con datos. E atendendo aos ofrecidos pola organización no comunicado emitido este luns e que recolle EFE, hai un que é realmente rechamante: actualmente, preto de 1.400.000 nenos atópanse en situación de pobreza severa en España, onde viven 46,5 millóns de persoas segundo datos do INE.

Por iso, esixiron ao Goberno que lle dea prioridade a esta loita nos próximos Orzamentos Xerais e aumente a prestación social por fillo a cargo ata os 100 euros ao mes para as familias en situación de pobreza. Pero non é a única demanda, porque as cifras do 2016 tamén evidencian unha falta de protección das xeracións máis novas a nivel social. Segundo as informacións manexadas pola oenegué, documentáronse un total de 37.495 denuncias por delitos violentos contra menores de idade.

Neste contexto tamén se pronunciou o Defensor do Pobo en funcións, Francisco Fernández Marugán, que fixou o punto de mira nas contornas familiares dos agredidos. Por que? Desde 2013, 23 nenos foron asasinados os seus pais, no que para el se trata duns datos «dunha dureza dificilmente asumible», declaracións que tamén recompila EFE. Marugán reclamou un amparo «rápido e eficaz» a estes menores, en ámbitos como o xudicial, no que -dixo- «hai que ser máis categórico» respecto das decisións de se se retiran ou non as visitas e custodias aos pais nos casos de malos tratos.

180 millóns de nenos viven en niveis de pobreza extrema en todo o mundo, segundo Unicef

Un de cada doce nenos de todo o planeta vive peor que os seus pais. Esa é a conclusión que se extrae dunha análise realizada por Unicef , cuxo balance desentraña EFE. A axencia das Nacións Unidas mete o dedo na chaga porque incide nun desequilibrio global patente se se bota unha ollada a, por exemplo, o continente africano. O número de xente que vive con menos de 1,90 dólares ao día aumentou ata en 14 países debido, sobre todo, a guerras, malos gobernos e axitacións de todo tipo, como sucede en Benín, Camerún, Madagascar, Zambia ou Zimbabue.

YAHYA ARHAB

Neste sentido, Laurence Chandy, director de Datos, Investigación e Políticas de Unicef, indicou que «aínda que a última xeración ha visto como a calidade de vida dos nenos en todo o mundo crecía enormemente, o feito de que haxa unha minoría esquecida de nenos excluídos deste progreso é un despropósito». O estudo levado a cabo pola organización fixa en 180 millóns o total deles que viven en niveis de pobreza extrema, o que tamén invita a reflexionar nun paradoxo á que aludiu Chandy: «É perverso que, nunha época na que o rápido avance tecnolóxico está a levarnos a grandes melloras na nosa calidade de vida, haxa centos de millóns que vexan como a súa empeora».