As cores das nubes

Susana Acosta
Susana Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

MARTINA MISER

As grises teñen moito desenvolvemento vertical e asociámolas coas tormentas, mentres que nas brancas, as gotas de auga que conteñen son suficientemente pequenas como para que os raios de luz do sol non reboten

20 novs 2017 . Actualizado ás 09:24 h.

Cando miramos ao ceo é realmente sinxelo augurar se as nubes traen choiva ou non, aínda que non sempre se acerte. En ocasións, fixámonos se son claras ou moi escuras. Precisamente, a cor das nubes vai depender de se están formadas por cristais de xeo ou por auga líquida. Estas últimas presentan toda unha gama de cores que van do branco ao gris escuro sen chegar a ser completamente negras.

«A cor depende do tamaño das gotas de auga que a forman. Se estas son o suficientemente grandes, os raios de sol rebotan nelas e a luz reflíctese cara ao espazo exterior», explica o meteorólogo Juan Taboada. Cando sucede isto recíbese menos luz da que se debería e por iso percíbense cores grises na atmosfera.

«Se as gotas acadan un certo tamaño, a gravidade vence á turbulencia e empezan a caer. Por iso é polo que nunca cheguen a ser totalmente negras. Por iso é importante que cando as vexamos volverse grises saquemos inmediatamente o paraugas», comenta.

Entre as nubes grises que máis cantidade de auga poden descargar figuran os cumulonimbos. Son nubes con moito desenvolvemento vertical -distancia entre baséaa da nube e a parte alta da mesma- e en ocasións asociámolas coa presenza de tormentas. Tamén poden traer saraiba. A presenza deste tipo de nubes durante algunhas xornadas viría moi ben en Galicia para paliar os efectos da seca, aínda que non se agardan a curto prazo.

Ao contrario do que sucede coas nubes grises, as brancas deben a súa cor ao feito de que as gotas de auga son o suficientemente pequenas como para que os raios de luz do sol non reboten, senón que se dispersen nas súas diferentes lonxitudes de onda, que non son máis que as cores: «Ao estar debaixo delas, o que vemos é a suma de todas as cores e por iso resultan brancas. Nese caso a turbulencia vai ser maior que a gravidade e as gotas non caerán, polo que non choverá. É un proceso semellante ao das motas de po que flotan nun cuarto sen chegar a posarse», asegura Taboada.

Tamén hai nubes que están formadas por cristais de xeo. Estas son case transparentes ou translúcidas, como os cirros, -que son nubes que teñen aspecto de filamentos ou de copos de algodón- e producen efectos visuais moi rechamantes: «Pódense presentar en forma de cirroestratos, tales como os halos solares -que forman unha especie de disco ao redor do sol- ou os parhelios -que producen dous pequenos resplandores a ambos os dous lados tamén do sol-. Estes fenómenos están asociados ao feito de que moitos dos cristais de xeo que forman estas nubes teñen forma hexagonal», conclúe.