A Nasa fíxase nos incendios de Galicia

Susana Acosta
Susana Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

NASA

19 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A vaga de incendios que levou por diante a vida de catro persoas hai algo máis dun mes e calcinou 49.171 hectáreas en 264 focos tivo tamén a súa repercusión en Inglaterra e Irlanda cando vimos que a capital londiniense e outras cidades das illas británicas aparecían cubertas do fume dos incendios e do po do Sahara. O furacán Ophelia, un dos episodios máis estraños do 2017, permitiu que as cinzas chegasen tan lonxe.

A Axencia Espacial Europea (ESA) xa se fixou neste fenómeno publicando a principios de mes un vídeo no que se ve o alcance das cinzas, que chegan mesmo a Francia e Centroeuropa. Agora é a Nasa a que tamén presta atención a este fenómeno. Publica un vídeo para explicar como os aerosois, entre eles o fume, o po e o sal mariño, transpórtanse por todo o mundo co fin de ver patróns climáticos e outros procesos físicos que normalmente son invisibles.

Para ilustralo, a Nasa realiza unha simulación combinando datos dos satélites e modelos matemáticos. E fíxase nun momento concreto, a tempada de furacáns do 2017. A partir do minuto 1.25 pódese apreciar a formación de Ophelia no Atlántico, preto dos Azores. E como toma unha traxectoria nada habitual para un furacán de categoría tres ao achegarse á costa galega xusto cando se estaba producindo a vaga de incendios. A Nasa explica que ao iniciar a súa traxectoria despraza po do Sahara e ao chegar a Galicia -aínda que no vídeo só fai referencia aos lumes de Portugal- tamén traslada o fume dos incendios ata o Reino Unido e Centroeuropa e mesmo acada a península escandinava.

Con esta simulación, a axencia espacial estadounidense demostra que os patróns climáticos poden transportar estas partículas a grandes distancias: «A principios de setembro, poder ver unha liña de fume desde Oregón e Washington , baixando polas grandes chairas e atravesando o Atlántico ata Inglaterra», di antes de comentar que o po do Sahara tamén se ve atrapado nos sistemas de tormentas e pódese trasladar desde África ata América: «A diferenza do sal mariño, o po elimínase no centro da tormenta. As partículas son absorbidas polas gotas das nubes e logo lávanse cando chove», explica. Para a Nasa, os avances na tecnoloxía á hora de realizar estas simulacións permiten aos científicos explicar con máis detalle como os aerosois interactúan cos sistemas de tormentas.