Antonio Maroño: «Somos vítimas da burbulla»

SOCIEDADE

MARCOS MÍGUEZ

O decano dos arquitectos de Galicia considera que o bonitismo é máis daniño que o feísmo

03 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Antonio Maroño (A Coruña, 1965) é un home prolijo no verbo. Explícase con moito detalle. Especialmente sobre a profesión. Con amabilidade pero sen descanso argumenta a favor dos arquitectos, a quen exculpa da mala fama que se abateu sobre todo o relacionado coa construción. Así que dense por decatados.

-Vaia época para ser o representante dos arquitectos, non?

-Cando gañamos as eleccións non era mala porque parecía que as cousas non podían ir peor. Pero ao final si que foron a peor, aínda descenderon máis. Houbo un pico de traballo, entre os anos 2006 e 2007. Agora estamos no 8% daquel pico en visados de obra nova, que non é o único parámetro que mide o traballo, pero si uno moi importante. Os arquitectos somos as maiores vítimas da burbulla inmobiliaria, pero iso aínda non entrou no imaxinario da xente.

-Isto do feísmo, é unha cuestión de mal gusto?

-Eu sempre digo que máis daniño que o feísmo é o bonitismo. Esa xente que gasta o diñeiro en todas esas cousas que deixan a casa feita un espantallo. Non creo que sexa unha cuestión de mal gusto. Agora hai unha certa preocupación coa presentación da guía de cores e materiais paisaxísticos. Pero pódese entender como unha preocupación superficial. A orixe de como se enfoca un problema como ese está aí: cal é a túa primeira necesidade? Talvez nos falta ese punto, pasar da mentalidade de supervivencia ao orgullo do propio.

-Hai un arquitecto en cada galego?

-Si. Pero non só en cada galego. Todos somos arquitectos porque todos modificamos a contorna. E moitos somos dun sitio e sabemos que os nosos pais ou os nosos avós fixéronse a súa casa coas súas mans.

Pinto & Chinto

-Se a arquitectura é unha das belas artes, un arquitecto é un artista?

-Debería ser un artista, pero o que é seguro é un técnico superpreparado cunhas responsabilidades enormes.

-Cal é o seu edificio favorito?

-Humm... É moi difícil. Podo dicir catro? 

-Non agardaba menos.

-A casa natal do meu pai en Irixoa ; o Guggenheim de Nova York; o CGAC e o Palacio de Congresos de Santiago.

-Foi vostede un bo estudante? Botáronlle algunha vez de clase?

-Non, non me botaron nunca. E ata que empecei Arquitectura tiven moi boas notas. Logo xa me empezaron a caer por todos lados. Deime conta de que aquilo eran as ligas maiores e de que había moita xente moito máis intelixente que eu, ja, ja.

-Cociña?

-Cociño, si.

-Sería capaz de facer, por exemplo, unha empanada?

-Si, claro.

-Fíxoa?

-Non, pero vinlla facer moitas veces á miña nai. Unha vez pregunteille á miña avoa como sabía cando estaba lista a masa das croquetas e respondeume que cando a masa ía detrás do tenedor. Anos despois vinme en Glasgow un día coa necesidade de facer unha comida co pouco que quedaba na neveira e decidinme a facer as croquetas. E alí acordeime do que me dixo a miña avoa. E quedaron de cine.

-É futboleiro?

-Si. Son do Dépor e do Barça porque cando me empezou a gustar o fútbol foi cando o Barça fichou a Cruyff. Ao Dépor xa me levaba o meu pai. Agora son socio e levo ao meu fillo.

-Baila?

-Si, sen problema. Non teño vergoña, aínda que si teño unhas hernias discales que me limitan.

-Que outras cousas lle gusta facer?

-Ler. Ficción. Sobre todo novela negra. Desde os clasiquísimos a outros máis novos. Creo que o mellor traballo do mundo sería que me pagasen por ler.

-Conte aquí un chiste. Ou recite un verso, o que prefira.

-Conto moitos chistes, pero creo que non se poden reproducir no xornal, ja, ja. Agora teño un compañeiro de traballo máis novo que non se sabe ningún dos vellos, así que conto chistes cada día. Pero imos cos versos: [búscao no móbil] Galiza somos nós, a xente máis a fala, se buscas a Galicia, en ti tes que atopala.

-Por certo, por que leva dous móbiles?

-Un é persoal, e o outro, do traballo.

-Defínase en catro palabras.

-Eu son pai... eu son amigo... eu son galego e eu escoito.

-De que se arrepinte?

-De non ter sido coherente coa idea de montar un estudo propio.

-Unha canción.

-Persoal Jesus na versión de Johnny Cash.

-Que é o máis importante na vida?

-Os fillos, a familia.