David Tomás: «Non hai que temer deixar o traballo, pero hai que prepararse»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

SANDRA ALONSO

O cofundador de Cyberclick di que as empresas que non aposten pola felicidade do seu equipo acabarán desaparecendo

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Na súa empresa non hai horarios. Tampouco un máximo de días de vacacións. E, con todo, Cyberclick crece a un ritmo vertixinoso e ostenta o título de ser a empresa máis feliz. O seu director executivo, David Tomás, participou onte a xornada Transformación Dixital e Talento, organizada pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

-Abundan máis as empresas felices ou as infelices?

-Eu diría que, de momento, hai máis infelices. Os datos son bastante claros. Se non recordo mal, o 70 % das persoas non se senten comprometidas co seu traballo. E despois hai un dato que me parece alarmante, que é que o luns pola mañá é o día no que hai máis incidencias de ataques ao corazón. Hai como un 20 % máis. Pero se me preguntas, eu son optimista. Empeza a haber un cambio moi significativo e cada vez máis empresas que apostan pola felicidade.

-Se o segredo é só pór ás persoas no centro da toma de decisións, por que nos empeñamos en facelo mal?

- Por inercia. Ao final custa moito cambiar un sistema. Algunhas escolas de negocios empezan a falar de felicidade, pero ata agora non se falaba, falábase de organigramas, de estruturas ríxidas, de produtividade... pero non se falaba dese centro nas persoas. Non o estudaches e non tes moitos exemplos de persoas. Así que fas o que coñeces. E coñeces o organigrama clásico, case militar, con protocolos, normas, regras... A media que haxa máis exemplos, isto irá cambiando.

-Nos últimos anos era máis importante ter traballo que ser feliz.

-Nos últimos anos si e isto fixo que moita xente teña optado por eu teño este traballo e non me vou a queixar. Pero aquelas empresas que poñan ás persoas no centro serán capaces de atraer ás persoas máis creativas, máis innovadoras, que achegan novas solucións, e iranse desmarcando. Se como empresa non creas unha cultura que se centre no benestar das persoas irasche quedando atrás e o normal é que vaias desaparecendo.

-Un darwinismo empresarial.

-Exacto. Acabará habendo unha selección natural porque aquelas empresas que aposten polo benestar do seu equipo atraerán aos mellores e esa xente traballará mellor.

-As normas absurdas. Son o que máis desmotiva?

-Si. Eu diría que iso e o non sentirse valorado ou que non achegas nada e non podes tomar decisións. Hai moitas normas absurdas nas empresas que están postas porque hai unha porcentaxe pequena de persoas que se aproveitarían se non houbese normas. Así que a empresa en lugar de centrarse nesas persoas, poñen unhas normas para o outro 99 % que fan que o seu día a día sexa negativo.

-Hai empresas que prohiben consultar as redes sociais e está o debate sobre se poden controlar ou non o uso de Internet e do correo electrónico.

-Eu creo que non pasa nada e que non hai que controlalo. O que hai que controlar é a produtividade. Dáme igual que che pases tres horas usando Instagram se ao final do día fas o mellor artigo, o máis lido e os anunciantes queren apostar polo noso medio de comunicación, serei feliz porque ao final estaremos cumprindo os obxectivos. De feito, a xente que mira Twitter é máis creativa, porque como teñen máis input de información teñen ideas máis creativas.

-Unha das claves que dá é aprender a dicir que non. Como se fai?

-É difícil. Non estamos educados para iso, non sabemos dicir non dunha forma construtiva, moitas veces os non saen tarde e mal. Hai que dicir non de forma construtiva e explicando cales son os beneficios.

-Se nada funciona e un non é feliz, hai que ter medo a deixar o traballo?.

-Non hai que ter medo a deixalo, pero hai que prepararse antes. Se non me gusta o meu traballo, non estou formado e déixoo, vou atopar un traballo igual ou peor e amais pasareime uns meses sufrindo. Hai que ver o tipo de traballo que che gustaría e formarche para facelo. Non hai que tirarse ao baleiro, aforra antes de irche para que che permita polo menos entre tres e seis meses de osíxeno para ter tempo a buscar outro traballo.