«Ophelia» acaba co anticiclón

Xavier Fonseca Blanco
XAVIER FONSECA REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Xavier Fonseca

O ciclón rompeu todas as previsións: ningún escenario prevía a posibilidade de que acadase categoría tres, pero fíxoo

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O paso de Ophelia será lembrado como un dos eventos meteorolóxicos máis singulares da historia de Galicia. O ciclón rompeu todas as previsións. Ningún escenario contemplaba a posibilidade de que acadase categoría tres, pero fíxoo. A imaxe do satélite co furacán tan preto da costa é algo que non podiamos nin imaxinar. Non fallaron as predicións de vento e altas temperaturas. O ciclón, situado ao oeste da península e as altas presións sobre Europa crearon un corredor de ventos intensos do sur que arrastraron aire cálido procedente de latitudes tropicais. Ademais era un aire que chegaba moi seco a Galicia tras o seu paso por toda a península. É probable que nunca teñamos tido unhas condicións como as do pasado domingo. Un dato que ilustra a excepcionalidade da situación é que a temperatura máis alta da xornada rexistrouse en Ribadeo , onde o termómetro ascendeu ata os 35 graos. Tamén houbo noites tropicais en moitas localidades e batéronse marcas históricas de temperatura para un mes de outubro, como os 31,2 graos de máxima en Lugo ou os 21,2 graos de mínima en Vigo.

Pero antes de que desapareza definitivamente das nosas vidas deixando, iso si, unha pegada indeleble, Ophelia vainos facer un gran favor. O furacán conseguiu algo que parecía imposible, romper o bloqueo anticiclónico. Lembremos que ata agora as altas presións dos Azores estiveron estacionarias ao norte da península, exercendo de escudo fronte a todas as borrascas que pasaban preto. Esta configuración atmosférica prolongada foi a responsable de que Galicia se atope actualmente nunha alerta por seca. Con todo, esta semana chega a ansiada choiva. E xusto como a necesitamos, a bordo das frontes atlánticas, que deixan unha precipitación de carácter continuo. No seu ascenso cara ao norte Ophelia gañoulle o pulso ao anticiclón que se retira de momento cara ao sur, a posición natural nesta época do ano. Isto permitirá que os sistemas de baixas presións vaian entrando un tras outro, como un tren de borrascas. Durante os próximas días poderían acumularse nalgúns puntos da comunidade máis de corenta litros por metro cadrado. O paradoxo de Ophelia é que provocou un tempo atípico para a latitude onde se atopa Galicia pero, ao mesmo tempo, a súa visita provocará que por fin poidamos REVISAR recuperar a meteoroloxía habitual do outono. Un furacán devolve a auga á nosa comunidade. Inédito.