Sete portos cun corazón doado

Ignacio Meitín Buján
I. Meitín Buján VIVEIRO / LA VOZ

SOCIEDADE

CEDIDA

Un trasplantado viveirense promove a doazón de órganos coroando en bicicleta varios picos do Pirineo francés

24 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai 16 anos que a solidariedade de alguén lle deu unha segunda oportunidade. Santi Chao (Viveiro, 1972) salvou a vida grazas ao corazón dun doante que lle permitiu superar as graves feridas sufridas nun accidente de moto. E desde entón non deixa pasar a oportunidade de levar a cabo iniciativas para concienciar á sociedade da importancia da doazón de órganos. Case sempre como mellor sabe, subido á bici. «Cada ano realízanse en España máis de 4.000 transplantes; e destes pacientes, 140 son nenos que non terían posibilidade de vivir se non fóra por un transplante. Un 10 % dos posibles receptores falecen mentres agardan recibir un órgano, por iso é tan importante convencer a xente para que se faga doante. Dun día para outro calquera pode converterse en receptor e necesitar un órgano», explica.

As últimas pedaladas deunas nos Pireneos franceses. Arroupado pola súa ilusión e as ansias reivindicativas, e co inmellorable sostén anímico da compaña da súa muller, Raquel, e as súas dúas fillas, Noah e Amanda, Santi Chao coroou en só unha semana sete picos por amais dos 1.000 metros. En total, unha ruta de aproximadamente 500 quilómetros cunha altitude positiva de 10.000 metros que cubriu, non só para fomentar a doazón, senón tamén a modo de homenaxe a todos os doantes e de agradecemento á familia do seu. O desafío encerraba outra mensaxe: «Os trasplantados de órganos sólidos, así como os de medula, podemos gozar dunha boa calidade de vida».

O deporte, a mellor terapia

«Á hora de facerse doante de órganos e tecidos o máis importante é que a familia coñeza os nosos desexos para que se respecte a nosa vontade no caso de que un día suframos un contratempo fatal», engade Santi Chao, que é membro e un activo colaborador desde hai tempo da Asociación Deporte&Transplante e acérrimo defensor da actividade física como terapia para deixar atrás as secuelas anímicas dun transplante. «Acudo con frecuencia aos encontros que organiza a asociación para compartir experiencias e podo comprobar que existe unha gran diferenza entre a calidade de vida dun trasplantado que fai deporte e outro que non o fai. Nalgúns casos hai matices, pero por norma xeral é así», conta.

No seu caso, o ciclismo é o seu refuxio. Axudoulle a deixar o tratamento psicolóxico e agora mitiga os efectos das quince pastillas que toma a diario. «Se estou máis dunha semana sen facer deporte non me atopo ben, e isto é unha tónica xeral entre os trasplantados. Necesitámolo máis que unha persoa sa», explica. Nin o accidente que sufriu hai pouco máis dun ano baixando o porto lucense da Gañidoira -rompeu a clavícula e sufriu abrasiones en todo o corpo lle quitou as ganas de pedalear a este viveirense, exemplo de vitalidade e que xa pensa no seu próximo reto reivindicativo.