Material para que os máis vulnerables constrúan o seu futuro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Obra Social A Caixa

A Obra Social 'A Caixa' reparte 7.000 lotes de produtos para facilitar a volta ao cole

22 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cantos debuxos podo colorear cunha caixa de pinturas? Usarei o verde ou o azul? Cantas ecuacións podo resolver coa axuda dunha calculadora científica? Cantos relatos podo escribir nun caderno? Cantos libros podo cargar cada día? Cantos apuntamentos poden caber nun cartafol? Para que os alumnos en estado de vulnerabilidade non teñan que preocuparse máis que desas cousas, a Obra Social 'A Caixa' facilitou á Confederación de Asociacións de Pais de Galicia (Confapa) uns 7.000 lotes de material escolar por valor de 67.000 euros para comezar o curso. As asociacións de pais terán que encargarse agora de repartidos entre todos eses nenos e nenas que empezan o curso en diferentes centros da comunidade.

Os lotes, adecuados aos diferentes niveis educativos -desde Infantil a Secundaria- xa foron entregados aos colectivos de pais. «Teñen unha libreta, un estoxo, unha mochila, temperas... Son algúns dos materiais que levan os lotes para os máis pequenos de Infantil; os de Primaria dispoñen dunha mochila, estoxo, libreta, clasificador para contido escolar... Ademaism os de Secundaria están compostos tamén por unha calculadora», explica a presidenta da Federación provincial de ANPAS da Coruña, Lola Blanco .

Agora o labor que teñen por diante é a de identificar os destinatarios dos lotes que serán entregados, probablemente, a principios de outubro. Non só iso. Dado que unha das principais liñas de traballo da Obra Social 'A Caixa' é a de garantir a promoción socioeducativa destes nenos, tamén puxeron en marcha unha batería de medidas de apoio das que disporán aqueles que o precisen ao longo do curso. Entre outras cousas, poderán contar con diferentes medidas de reforzo educativo como logopeda, apoio psicomotor e actividades de lecer familiar. «Queremos facilitar que os nenos en situación de vulnerabilidade regresen este mes ao colexio cunha única preocupación: estudar para construír un futuro cheo de oportunidades. E facemos extensible este compromiso a todo o curso escolar, concibindo a educación como motor de progreso individual ou colectivo», explican representantes da Obra Social 'A Caixa'. Con todo iso pretenden achandar a costa que supón para moitos fogares comezar o curso escolar. Pero non só iso. Tamén pretenden axudar a sortear ou cubrir as fochancas que poidan presentarse de modo inesperado durante o ano.