O fipronil, unha fraude que pon en garda á UE e ao consumidor

La Voz BRUXELAS / AXENCIAS

SOCIEDADE

DANIEL MIHAILESCU | Afp

Faría falta inxerir 10.000 unidades con trazas do insecticida para que afecten á saúde, segundo expertos

12 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O escándalo dos millóns de ovos contaminados por fipronil continúa toca cada día a máis países. Van xa 16 europeos, máis Hong Kong. Ata o momento o impacto nas vendas é limitado, aínda que algúns consumidores de estados afectados aseguran que revisarán con máis detalle a orixe do que compran. Hai preocupación, pero non pánico, porque habería que consumir miles de ovos contaminados ao longo da vida para sufrir efectos adversos.

É o que dixo a Efe o profesor da Universidade de Lovaina, Alfred Bernard, que chamou aos consumidores á calma porque as medidas adoptadas ata o momento responden máis a unha fraude que a un «perigo» real de intoxicación. Os países onde hai máis alarma son Holanda e Bélxica, onde foron detectadas trazas de fipronil en niveis superiores ao límite de risco que establece a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (0,72 miligramos por quilo) .

A Organización Mundial da saúde (OMS) di dese insecticida é «moderadamente tóxico» para os humanos. Ademais, estima que só en cantidades grandes pode provocar danos hepáticos, a nivel de tiroides ou riles. Segundo Bernard, unha persoa tería que tomar 10.000 ovos contaminados, durante un curto período, para pór en risco a súa saúde. Iso corrobórao o experto en nutrición holandés, Martjn Katan, que di que aínda que inxerisen catro ovos diarios durante o último mes, «non é prexudicial».

Mentres estes expertos chaman á calma, o Goberno holandés, criticado polos seus veciños europeos, recoñeceu que se cometeron «erros» na xestión do escándalo dos ovos contaminados, pero negouse a admitir calquera acusación de neglixencia. «En calquera crise cométense erros. É absolutamente o caso en esta», recoñeceu Edith Schippers, ministra de Saúde holandesa, nun programa da televisión difundido o xoves pola noite.

Que se sabe ata agora?

Polo que se sabe ata o momento, Bélxica foi alertada oficialmente a comezos de xuño por un criador de que o produto achado nos ovos superaba os niveis permitidos.

Ao ir tras a pista do tratamento contra o ácaro vermello, unha axencia sanitaria belga estableceu un vínculo con Holanda a través dunha firma local. Segundo a prensa belga, esta empresa, ChickFriend, comprou o seu desinfectante a outra empresa belga, Poultry-Vision. O 20 de xullo, Bélxica informou á Unión Europea, antes de que Holanda e Alemaña fixesen o propio. O 1 de agosto pasado, o Goberno da Haia anunciou que detectara unha sustancia tóxica en centos de miles de ovos e que estaban bloqueados decenas de criadeiros de aves no país.