Un total de 342 galegos están en lista de espera para un transplante

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Donantes de órganos
La Voz

As negativas familiares a doar case duplican a media estatal

14 ene 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un total de 342 galegos están na lista de espera dun transplante, a maioría (238), porque necesitan un ril. A cifra subiu respecto de finais do 2015 (321), pero é moi inferior á dos anos anteriores, cando sempre se superaban os 400 pacientes. Sesenta enfermos agardan un transplante de fígado, 24 de pulmón, 16 de páncreas e 4 de corazón. A actividade de transplantes sempre é unha boa noticia para Galicia e España, líder en Europa, aínda que no 2016 baixaron na comunidade galega tanto os transplantes como os doantes, e eleváronse ademais as negativas familiares.

Os hospitais galegos realizaron cada semana do 2016 unha media de case seis transplantes, ata os 299 totais. Foron menos que no 2015 (338), pero aínda así é a terceira cifra máis alta dos últimos vinte anos. En canto aos doantes, ao longo do 2016 houbo un total de 106, tres menos que o ano anterior. Todos estes datos positivos teñen unicamente unha lectura pesimista, a elevada taxa de negativas familiares da comunidade galega, que case duplica á media estatal. Así, se no total do Estado néganse a doar os órganos dos seus achegados o 15,6 % das familias, en Galicia sobe ao 26,9 %, unha cifra que ademais se incrementou no 2016. No entanto, tal e como aclararon na presentación do balance, os datos españois son os mellores de Europa, polo que a taxa de negativas en Galicia é inferior á media da UE.

O coordinador de transplantes de Galicia, Jacinto Sánchez, lembrou que se traballa cos profesionais sanitarios de urxencias desde hai anos para reducir as negativas e para que detecten a posibles doantes. Porque ademais, ao contrario do que ocorre co sangue, onde existe un límite máximo de idade para doar, no caso dos órganos pode realizarse esta doazón a calquera idade. Neste sentido é moi rechamante a evolución da idade media dos doantes, que no 96 era de 42 anos e no 2016 elevouse case aos 62.

Crece a idade media e cambian tamén os motivos de falecemento. Se no ano 2000 o 20 % dos doadores tiñan como causa de morte un accidente de tráfico , no último ano foron menos do 4 %. Desde o Sergas incidiron tamén na importancia da formación. De feito, o pasado curso déronse cen charlas a alumnos en 76 centros educativos e convocáronse varios concursos escolares para concienciar aos máis novos.

Transplantes: 299 

Nun ano. Deles 64 fixéronse no CHUS, e todos os demais no Chuac, líder en España en transplante cardíaco. Desde o ano 1981 levaron a cabo 7.246, grazas a 2.500 doantes.

Doantes: 106 

Tres menos que no 2015. Aínda que os transplantes se fan en dous hospitais, todos os galegos están preparados para os doantes. De feito, do complexo vigués procedían 24. O CHUS rexistrou a cifra máis alta, con 26.