Un enchufe intelixente permite aforrar ata o triplo de enerxía

A aplicación opta ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado

.

redacción / a voz

Pagar menos na factura eléctrica en función da hora do día na que se utilicen os electrodomésticos é algo que xa permite a lei, pero beneficiarse desta vantaxe require dunha certa organización. Agora é posible facelo de forma automática e planificada grazas a un prototipo desenvolvido por un alumno da Facultade de Informática da Universidade da Coruña que permite incluso aforrar o triplo no consumo. A aplicación creada por Óscar Blanco Novoa, que traballa na empresa Kiply, é un dos cinco que opta ao premio Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado, unha iniciativa patrocinada por Everis, Grupo Voz, Indra, ITG e Telecom e na que colaboran a CITIC e FUAC. O gañador recibirá 1.500 euros e haberá dous accésits de 500 euros.

Blanco desenvolvo un sistema domótico para a xestión enerxética intelixente do fogar que se sustenta nun aparello físico, unha regleta de enchufes, á que se incorpora un software cun algoritmo de planificación que posibilita planificar o consumo a partir dos datos do custo horario que publica a última hora do día anterior Rede Eléctrica Española. Os enchufes están conectados entre si mediante unha rede wifi.

«O sistema -explica Blanco -, como sabe cales son os prezos aplicados, utiliza un algoritmo de planificación que che indica cal sería a mellor hora do día para acender os electrodomésticos, e tamén permite activalos de forma automática no momento en que o seu uso salga máis barato». Tamén permite coñecer en tempo real o gasto enerxético de cada aparello, unha información moi útil para as empresas.

Todo o sistema, ademais, pode ser controlado desde un móbil, polo que si o usuario se deixa as luces ou a calefacción acesa pode apagalas desde o móbil. A Universidade de Aalborg (Dinamarca) pediu un prototipo para probar a eficiencia enerxética do seu uso.

Votación
37 votos
Comentarios

Un enchufe intelixente permite aforrar ata o triplo de enerxía