«Cada transplante beneficia, polo menos, a unhas catro presentas»

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Este experto cre que leis como a aprobada en Gales, que salvo negativa expresa fan obrigatoria a doazón, son importantes, pero «non son a clave»

03 dic 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Probablemente mentres le esta entrevista estea vostede acompañado de familiares, amigos ou compañeiros de traballo. Jacinto Sánchez (Madrid, 1961), coordinador de Transplantes de Galicia, quere invitarlle a reflexionar un momento. Que faría no caso de que, nun momento dado, unha desas persoas que lle rodean tivese a urxencia dun novo corazón, un ril, un pulmón ou unha córnea. «Imaxino que lle gustaría saber que hai alguén que está disposto a doarllo», di mentres lembra, orgulloso, que España, en xeral, e Galicia, en particular, teñen a maior taxa de doazóns do mundo. Non pasa o mesmo no Reino Unido. De feito, nun intento por incrementar o número de doantes, Gales acaba de aprobar unha lei na que a doazón será obrigatoria, salvo que a persoa deixe rexistrado o contrario.

-Que opinión merécelle a iniciativa que levou a cabo Gales para tratar de incrementar o número de doazóns?

-O que aprobou é algo parecido ao que xa se aplica en Portugal. Pero a lexislación non é algo que vaia a arranxar o problema. Permite ter unhas regras do xogo para actuar, pero non garante o resultado. De feito, Portugal non ten máis doantes que España. Antes da crise parecía que ía acadarnos, pero non o logrou. O que ten que haber é moita información na contorna próxima, hai que falar do tema. Ese labor resulta moito mellor ou máis frutífera que a lei. Por exemplo, aquí temos o modelo de rede de coordinadores de transplantes que se encarga de detectar supostos doantes para logo pór en contacto ás familias coas unidades concretas de cada hospital. Explican desde que pretenden facer, que é a morte encefálica, como facelo, cando é o momento adecuado para iso... Ten que haber un debate.

-Informar é fundamental.

-Hai que contar á cidadanía por que doar convértenos nunha sociedade mellor. Unha lei resulta importante, pero non é a clave. A normativa non vai facer que haxa máis doantes. A gran diferenza co modelo español é que aquí temos o coordinador de transplantes.

-Pero habemos de estar contentos porque en Galicia somos un exemplo.

-Home, desde fai máis de dez anos España é o país do mundo coa taxa máis elevada de doazón por habitantes. A lei que temos é de 1979 e vai ben. Non houbo que cambiala. Houbo reais decretos para concretar algúns aspectos, pero non houbo que aprobar unha lexislación nova.

-Cantas vidas poden chegar a salvarse grazas á doazón de órganos ou tecidos?

-A media en Galicia está agora nuns 100 transplantes ao ano por cada millón de habitantes. Pero o transplante non só beneficia á persoa que recibe o órgano en cuestión, tamén a toda a súa contorna. Desde fillos á parella... Digamos que, polo menos, benefícianse catro persoas por cada un que se realiza. Estariamos a falar entón de 400 persoas. A cantidade resulta un verdadeiro éxito. Un transplante cambia totalmente o modo de vivir. Daquela o número de persoas que reciben tecido humano é dunhas 1.000 ao ano. Xa que logo falamos dunhas 1.400 ou 1.500 persoas ao ano que saen beneficiadas.

-Máis aló das persoas que poidan doar os seus órganos, cal é o perfil dese doante doutros tecidos?

-Hai que saber diferenciar. No caso de doantes de medula ósea hai un rexistro. Os candidatos han de ter entre 18 e 55 anos. Non resulta estraño que sexa complicado atopar un doante compatible. Cada vez resulta máis frecuente que non os haxa entre membros da familia polo descenso no número de irmáns. Por iso, moitas veces hai que buscar en todo o mundo. Para outros tecidos, como a córnea, recórrese a persoas que morreron nun hospital e que son normalmente máis maiores.

Rexistro galego de doantes

A Consellería de Sanidade lembra que o Sergas xunto coa Fundación Josep Carreiras puxeron a disposición dos galegos a web http://galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro a aqueles que queiran ser doantes.