Álex Sampayo, director de «O sabor das margaridas»: «Netos de emigrantes ven a serie en galego para lembrar o idioma dos seus avós»

O director asegura que parte do éxito da ficción está en que «trata temas universais, como a prostitución e a pederastia, desde un punto de vista local»


Redacción / La Voz

Hai menos dunha semana estreouse a segunda tempada da serie O sabor das margaridas en Netflix e conseguiuse coar entres as dez máis vistas de varios países como Uruguai, Arxentina, Grecia e Romanía. O seu director, Álex Sampayo, analiza o fenómeno que xerou esta serie galega que protagoniza a actriz María Mera.

-¿Como está vivindo o éxito tras a estrea da segunda tempada da serie?

-Con moita sorpresa a verdade e agora ao ver tantos comentarios de xente que a segue entendes que é a globalización. E como de súpeto desde un sitio e unha serie tan pequenos, pódese chegar a tantos sitios do mundo.

-¿Hai moitos comentarios en redes sociais?

-Vai ligado, o que non se ve non se comenta. Canto máis se ve máis comentarios xorden. A serie íase a estrear en maio do ano pasado, pero a pandemia atrasou a dobraxe, posteriormente íase a estrear en novembro pero Netflix reorganizou a súa programación e decidiron estreala máis tarde. Estreouse case un ano despois da data inicial e máis dun ano despois de rodarse. A oferta agora mesmo en Netflix é humillante, conseguir coarche aí é moi complicado. Competir con outras series españolas é moi complicado. Co orzamento de toda a segunda tempada de probablemente O sabor das margaridas non se fixo nin un capítulo de Sky Rojo . Estamos nun top ten onde todos os competidores son ligas maiores.

-Moi satisfeitos entón...

-O feito de que nos vexan é gañar, pero ademais unha serie galega, rodada en galego. É algo moi importante que está conseguindo esta serie, porque leo moitos comentarios en Twitter abrigo de netos de emigrantes que a ven en versión orixinal para lembrar o idioma dos seus avós. Conseguir isto cunha serie tan pequeniña e con capítulos tan longos, que ademais outra complicación máis. A nosa son setenta minutos, é case como unha película. Leo comentarios de xente que lla viu do tirón, é toda unha proeza.

-¿Cales son as claves do éxito da serie en países tan dispares?

-Trata de temas universais desde un punto local. O personaxe de María Mera é unha heroína que loita contra a prostitución e nesta segunda tempada penétrase en temas máis turbios como a pederastia e a prostitución infantil. O poder dos grandes contra os pequenos, o poder do diñeiro que o pode comprar todo... en todo o mundo se entende e existe isto. É o que máis valora a xente. Logo tratamos de suplir as carencias orzamentarias coa imaxinación desbordante dos guionistas e o traballo inmenso de todo o equipo.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
5 votos
Comentarios

Álex Sampayo, director de «O sabor das margaridas»: «Netos de emigrantes ven a serie en galego para lembrar o idioma dos seus avós»