Ángela Channing e J. R., os máis «malos malísimos» das series para os lectores de La Voz

La Voz REDACCIÓN

PRATA O Plomo

A maquiavélica tía da serie «Falcon Crest» e o ambicioso magnate de «Dallas» son os malvados catódicos máis carismáticos

17 feb 2020 . Actualizado ás 17:00 h.

Cada vez os viláns das series son menos malos do que eran antes. Nas series actuais, como na vida mesma, os límites entre o ben e o mal difumínanse. Agora, os antihéroes, os malvados con claroscuros ou os «bos» protagonistas que tamén fan maldades pululan por todas as pantallas. Pero antes, hai anos, si que había bos malos. Eses a os que daba gusto odiar, aos que lles tiñamos unha boa tirria sen remorsos posteriores.

Os das series dos 80 e dos 90 eran viláns que deixaron pegada. E, ao parecer, entre os lectores de La Voz, queda claro quen eran os máis odiados: Angela Channing, a pérfida tía de Chase en Falcon Crest, e J. R., ese empresario sen escrúpulos da serie Dallas casado coa sempre bébeda nos nosos corazóns Sue Ellen.

O 34 % dos nosos lectores votaron como mala malísima das series á maquiavélica Angela Channing. Non é para menos. Non só foi unha das grandes malvadas por antonomasia da pequena pantalla. Tamén lle valeu a Jane Wyman catro globos de Ouro durante catro anos consecutivos.

En todo caso, a batalla polo primeiro posto do personaxe feminino máis odiado estivo máis rifado, xa que, cun 30 % dos votos estaba a tamén lembrada Diana, esa lagarta da serie V. Completa o podio a señorita Rottenmeier de Heidi , pero cun afastado 15 % dos votos.

No caso dos homes, o dominio de JR é evidente. Votárono o 39 % dos centos de participantes na enquisa. Se algo lle gustaba ao personaxe interpretado por Larry Hagman era dominar. E, polo menos nesta enquisa, conseguiuno. A súa popularidade como malvado levou mesmo a que unha das secuelas de Dallas levase o seu nome. O regreso de J. R. chamouse a película na que regresaba tras o seu presunto suicidio.

O resto dos participantes séguenlle a unha distancia considerable. Falconetti, o máis lembrado de sériea Home rico, home pobre, conseguiu un 18 % dos votos, mentres o señor Burns dos Simpsons, o 15 %. Ningún outro superou o 10 %.