En que pensas, cariño?

Emilio Sanmamed
Emilio Sanmamed LIJA E VELUDO

SELECTIVIDADE

02 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Saco a man polo portelo do coche e intento coller sete gotas de choiva. En que pensas, cariño?, pregúntame. E eu penso en se vou ser capaz de aprobar matemáticas e inglés para que me dea a nota en selectividade e estudar aínda non se que carreira, que tampouco se se me levará a algún lado, porque ao final… Canta xente con carreira está en paro? Merece a pena? Farei un ciclo ou mellor busco un curro? Que vou facer coa miña vida? Teño que elixir este ano xa e non sei. Non entendo as ecuacións diferenciais. Son bobo? Será que son bobo?

Penso en se lle gusto a Paula, en se son feo, en se estou gordo, en que din de min nese grupo de wasap, en que subir a Instagram, a TikTok, a Twitter. Penso en se volverán aqueles cabróns a zurrarme á saída de clase. Penso en se debería probar drogas para non parecer un pringado. Penso en que me gustaría facer rap ou escribir, pero e se o resultado é unha merda? E se a xente non dálle a gústame? E se fracaso? E se son un fracasado?

Penso en que os meus avós non pillen o virus, en que se culpa á miña xeración de contaxialo ao resto. Penso en que se conto que penso vanme dicir «iso non son problemas, problemas eran os de antes». E con todo eu síntoos tan problemas… Por que teño ganas de chorar? Son débil, son un desastre, sempre estou aos decepcionar. Penso que, ás veces, todos estarían mellor sen min.

Saco a man polo portelo do coche e intento coller sete gotas de choiva. En que pensas, cariño?, pregúntame. En nada, mamá. En nada, respondo.