127 aspirantes a Medicina tiveron máis de 13 puntos en selectividade

Sara Carreira Piñeiro
sara carreira REDACCIÓN / LA VOZ

SELECTIVIDADE

XOÁN A. SOLER

21 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Sacar un 13 sobre 14 esixe ser un estudante sobresaliente. Deses que se moveron entre o 9 e o 10 con naturalidade desde que botaron os dentes e para quen un 8 é un desgusto. Pois deses, 127 decidiron este ano estudar Medicina en Santiago. Para entender o significado deste dato, só hai que percorrer outras titulacións con cifras espectaculares: en Matemáticas son 61, en Física 52, en Biotecnoloxía e Enfermería da USC 41 e en Farmacia 34. Aínda que hai 19 graos que teñen polo menos 10 estudantes con esa nota (Dereito da USC ten 16), iso non é o normal: Pedagoxía ten 2 e en Educación Infantil da USC non hai ningún, por exemplo.

Por iso o de Medicina e os seus 127 treces non é deste mundo. Na lista de anotados, que se alonga por amais dos 2.600 (os vinte últimos, optimistas ou quizais só curiosos, apenas superan o 5 de media), hai dous miles que teñen un 11 ou máis de nota de acceso. Entre unha décima e outra se acumulan os estudantes. O grupo máis rechamante está entre o 12,1 e o 12,2: nada menos que 213 mozos, e o máis probable é que non lles chegue para entrar; ata chegar ao 12,1 hai case 1.200 apuntados.

A partir de 11,9 e ata o 12,6, cada décima xunta máis de cen alumnos. Como curiosidade, na lista de Medicina hai 75 alumnos que teñen entre 7 e 8 de media (sobre 14). De 9 a 10 son 120.

Nalgunhas ocasións, varios (ata cinco) teñen a mesma nota igualada ás tres décimas. Nese caso quen entraría? Hai unhas preferencias que se ditan polo bacharelato de ciencias (fronte a FP ou bacharelato de Artes, por exemplo) pero no caso de que a coincidencia sexa máxima, desde a CIUG explican que nunca se daría un problema: entrarían todos os alumnos. Realmente, nunha titulación de 360 prazas que ao final haxa 365 non parece un gran problema. Outra curiosidade, onte 225 convocados non se matricularon (poden elixir outras comunidades autónomas).