Galicia adiantará a selectividade de setembro a xullo no 2019

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO

SELECTIVIDADE

JOSE PARDO

Os oito chamamentos de matrícula universitaria reduciranse a seis

21 novs 2017 . Actualizado ás 18:25 h.

Este curso será o último no que haberá probas de acceso á universidade en setembro. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tras a reunión de coordinación que mantivo esta mañá coa CIUG. A selectividade celebrarase este ano os días 12, 13 e 14 de xuño e 12, 13 e 14 de setembro e manterá a estrutura do pasado ano. As cousas cambiarán o curso que vén, e farano para favorecer a loxística das familias e a organización das aulas universitarias. Co obxectivo de que os alumnos estean asignados ás súas respectivas carreiras antes -ata agora se incorporaban mesmo en novembro- no 2019 a proba extraordinaria pasará a celebrarse a mediados de xullo, mentres que a ordinaria se manterá en xuño. Os estudantes poderán así saber a súa nota antes de agosto «e xa en setembro comezará todo o proceso de asignación dos respectivos graos», explicou o conselleiro. 

Iso implicará outra serie de axustes. Se ata agora había oito prazos de matrícula, a partir do curso que vén serán seis. O inicio do curso unificarase nas tres universidades na segunda semana de setembro «para poder reducir as disfuncións no caso de que as diferentes universidades fixaran distintas datas de inicio de curso».

Deste xeito, centros de secundaria, universidades, alumnos e Administración contan con máis dun curso para asimilar os cambios no acceso ás universidades, que arrastraba disfuncións desde a implantación do espazo europeo de educación superior, com estudantes que tiñan que matricularse nos graos máis dun mes despois do inicio do curso.