Unha santiaguesa que naceu no centro histórico: «Non aceptei pasar de pagar 400 a 800 euros no alugueiro e tiven que marchar. É indignante»
VIVIR SANTIAGO

Esta veciña compostelá, de 35 anos, deixa este mes un piso nunha rúa próxima á Rúa Nova tras pedirlle o seu novo propietario unha subida do 100 %. «Hai máis veciños afectados», destaca
21 sep 2023 . Actualizado ás 00:08 h.Admite que o seu verán foi «amargo». «Dá pena ter que marchar dun piso no que estiven os últimos oito anos», apunta unha santiaguesa, de 35 anos, que pide non dar o seu nome. «Houbo un cambio de propietarios no inmoble no que eu vivía, cercano á Rúa Nova, no corazón da zona vella, e os novos dixéronme a finais de xuño que ou asumía unha suba do 100 % no alugueiro ou me tiña que marchar o 1 de agosto», explica, aclarando que ela pagaba 400 euros de alugueiro e a nova tarifa ascendía a 800.
«Eu non o aceptei e tiven que marchar, aínda que tampouco me fun nun mes. O meu contrato duraba ata decembro e con iso os avogados lograron que non me fose en agosto. Aínda así, voume agora», laméntase esta compostelá, moi ligada ao centro histórico, onde naceu e viviu durante a súa infancia e onde retornou xa de maior. «O propietario, co que non houbo opción de negociación nin conversa, supoño que manterá que o anterior prezo era económico, sobre todo para un piso céntrico e de 80 metros cadrados, pero non se valora nin a antigüidade nin que, por norma xeral, nos pisos da zona histórica se nota dende a chuvia ao vento ou calquera ruído, como o do contedor de vidro que se baleira ás 06.00 horas e te esperta entre un forte estrondo», contrapón cun sorriso triste, recoñecendo a súa querenza, aínda así, por vivir na améndoa.
«É certo que hai que ter valor para vivir na zona vella, sobre todo pola ausencia de servizos ou a perda de tendas nos últimos anos, e non sei se será por resistencia ou por romanticismo, pero a min encántame vivir aquí. Aprecio poder ir andando aos sitios ou aos teatros próximos. Xuntei na zona unha rede moi interesante. Gústame xerar barrio», enumera, sen deixar de compartir a súa rabia. «Unha veciña do edificio, xa maior, foise cando nos duplicaron o prezo do alugueiro, a finais de xuño. Os propietarios teñen máis pisos na rúa das Orfas aos que tamén lles incrementaron o alugueiro. Hai máis xente afectada», constata. «É indignante o que acontece en Santiago coa vivenda. Eu vexo pouca moral, con prezos desorbitados. Estase a especular coa vida da xente», quéixase a santiaguesa que, finalmente, acabou tirando a toalla.
«En outubro comezo a vivir noutro piso, na zona alta de Sar. O meu é unha emigración forzada, un desterro, aínda que tiven sorte e, polo boca a boca, contactei cunha caseira das que aínda quedan, das que prefiren ter o piso alugado todo o ano e sen pedir prezos imposibles para a maioría», reflexiona agradecida, avanzando que a partir agora pagará 450 euros de alugueiro. «Eu vivo soa e para min un alugueiro de 800 euros é inasumible. Cóntanme que hai xente de 40 anos, que tamén vive soa, que xa se prantexa compartir en Santiago ante a alza dos prezos. No meu caso o ter que compartir sería algo obrigado e resístome», conclúe a santiaguesa.