A antiga escola de San Mamede de Vedra será un taller dedicado a produtos agrarios

A rehabilitación do inmoble, que permanecía en desuso desde hai anos, custará 80.000 euros

.

santiago / a voz

A antiga escola de San Mamede, no municipio de Vedra, vaise converter nun taller para a transformación de produtos agrarios. A rehabilitación do inmoble, que permanecía en desuso desde hai anos, custará 80.000 euros, dos que a metade os achegará a Axencia Galega de Desenvolvento Rural (Agader), adscrita á Consellería do Medio Rural.

Para que este proxecto vise a luz foi necesario asinar un convenio entre o Concello de Vedra e a Xunta. Os encargados de oficializar ese compromiso foron o rexedor de Vedra, Carlos Martínez, e a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez.

Segundo resalta a Xunta, as obras incluirán «a demolición e reordenación de tabiques, illamento de falsos teitos e mellora da cuberta do edificio, construción de aseos adaptados, así como creación de salas de envasado e transformación de produtos». Mellorar a accesibilidade será outro dos traballos que se van levar a cabo para aproveitar a antiga escola pública e tamén a súa contorna.

Medio Rural sinala que a iniciativa anunciada onte no Concello de Vedra «servirá para impulsar a produción e comercialización de produtos locais entre a poboación, favorecendo así a fixación da poboación e o fomento do seu tecido produtivo».

A Xunta resalta que durante este exercicio destinou a iniciativas similares, concretamente dezaseis, máis de 650.000 euros. O ano pasado levaron a cabo outras catorce, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos núcleos rurais para que resulten máis atractivos para vivir e traballar.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

A antiga escola de San Mamede de Vedra será un taller dedicado a produtos agrarios