A área de Santiago suma 10.340 emigrantes máis que no 2009

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

VAL DO DUBRA

XOAN A. ADOITAR

Os veciños que residen fóra de España creceron un 27 % e superan xa os 48.500

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Val do Dubra, Touro e recentemente Ordes renderon este mes tributo aos seus veciños na emigración. E cada vez son máis os homenaxeados. A poboación de Santiago e a súa área que reside fóra de España continúa incrementándose. A evolución é xusto a inversa á que rexistra o padrón municipal, onde a caída non para. Os datos falan por si sos. No 2009, o PERE (padrón de españois residentes no estranxeiro) contabilizaba 38.237 veciños de Compostela e a súa contorna, mentres que a 1 de xaneiro do 2019 xa se situou en 48.577. Isto supón un incremento de 10.340 emigrantes, un 27 % máis. É coma se todos os habitantes de Santa Comba se marchasen. Pola súa banda, o padrón municipal reduciuse en 882, pasando de 259.130 persoas hai unha década aos 258.248 actuais.

O único concello onde descendeu o número de emigrantes durante a última década é Val do Dubra. Precisamente, este municipio rexistra o maior peso proporcional da poboación exterior, xa que suma 2.799 residentes noutro país fronte aos 3.925 que viven no propio municipio.

A emigración non se cingue aos concellos do medio rural, como sucedía outrora. Santiago non só é o concello cun maior número de veciños vivindo noutro país -12.987 persoas-, o que podería explicarse tamén pola súa maior poboación; senón que tamén rexistra o maior crecemento na última década, tanto en valores absolutos como porcentuais. Desde o 2009 colleron a maleta con rumbo a outro país 4.133 composteláns, deste xeito, o seu padrón no exterior creceu un 46,6 %.

Despois de Santiago, o maior incremento do PERE en números absolutos produciuse en Santa Comba, con 861 inscritos máis que no 2009. Seguíronlle Ames, onde creceu en 584; Ordes, 477; Padrón, 418; Teo, 381; e Arzúa, 311. O resto de municipios xa se situou por baixo da barreira dos 300. No caso de Negreira e A Baña contabilizaron 295 emigrantes máis cada un; Melide, 283; Rois, 253; Brión, 250; Vedra, 233; e O Pino, 207. Pola súa banda, os valores máis baixos producíronse en Toques, con unicamente 43; e Boimorto, con 89. Xa por amais do centenar están Oroso, con 115 máis; Frades, 125; Tordoia, 142; Dodro, 159; Boqueixón, 167; Trazo, 173; Santiso, 180; e Touro, 197.

Pero que pasou no último ano? Aí a situación é máis dispar. Creceu a emigración en Santiago (140), Arzúa (8), Boimorto (2), O Pino (5), Touro (11), A Baña (5), Negreira (3), Frades (5), Oroso (18), Ames (12), Vedra (10), Dodro (5), Padrón (21), Melide (12), Santiso (7) e Santa Comba (22). Pola súa banda, viron caer a súa poboación no exterior Ordes (16), Tordoia (23), Trazo (10,) Boqueixón (12), Brión (5); Teo (6), Val do Dubra (68) e Toques (8). En Rois non houbo variacións, segundo os datos procedentes dos rexistros de matrícula de residentes das Oficinas Consulares no estranxeiro a 1 de xaneiro.

A poboación exterior ten o seu maior peso en Val do Dubra e Santiso

En canto ao peso dos emigrantes en relación aos residentes no municipio, a Val do Dubra, onde supoñen o 71 %; séguenlle Santiso, cun 59 %; e A Baña, 50 %. Pola súa banda, a porcentaxe menor é en Ames, con só o 8,3 %; e Oroso e Teo, co 9 %. En Santiago representan o 13,4 % dos seus habitantes empadroados.

De contar os emigrantes, varios concellos verían incrementada a súa categoría. Santiago superaría a ansiada barreira dos 100.000 veciños; Teo, a dos 20.000; mentres que Santa Comba e Padrón excederían a dos 10.000. Tamén cambiarían O Pino, A Baña, Boqueixón, Brión e Val do Dubra.