As restricións empezan a suavizarse en Boqueixón, Trazo e Val do Dubra

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

TRAZO

XOAN A. ADOITAR

A incidencia do coronavirus é mínima en doce municipios da área metropolitana

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O comité clínico que asesora á Xunta sobre a pandemia do coronavirus acordou onte á noite «levantar as restricións especiais» en Boqueixón, Val do Dubra e Trazo. O acordo, tras a reunión que mantiveron onte pola tarde, supón suavizar a situación nestes municipios, que pasarán a rexerse polas medidas de nivel 2, como o resto de Galicia, non do 3 como ata agora, que son as máximas, polo que saen do peche perimetral de Santiago, sinala a consellería. As novas medidas publícanse hoxe pola tarde no Diario Oficial de Galicia e entran en vigor a medianoite.

A Xunta insiste na «obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia, e solicita a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas. Sanidade quere remarcar, unha vez máis, que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar as súas restricións», sinala a consellería.

Este acordo confirma a boa evolución da pandemia os últimos días no ámbito da área metropolitana compostelá. Na área sanitaria de Santiago tratábanse onte 982 pacientes de covid-19. Un 40 % s residen nos 25 municipios da área metropolitana e confirmáronse os últimos 14 días; con 10 casos ou menos en 12 concellos, entre eles os tres citados.

Así, as últimas dúas semanas detectáronse en Santiago 154 positivos; en Ordes 36; en Santa Comba 33; en Oroso e Ames, 28; en Teo 24; en Rois 23; en Dodro, Melide e Negreira, 16; na Baña 15; en Brión e Tordoia, 11; en Padrón 10. Os que presentaban mellores datos, con entre 1 e 9 positivos, son Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Frades, O Pino, Santiso, Trazo, Val do Dubra e Vedra; e sobre todo Toques e Touro, con ningún positivo, informa o Sergas.

No conxunto dos 46 municipios da área sanitaria, o luns pola tarde -data á que corresponden os datos- tratábanse en total 23 pacientes de covid máis que odomingo , tras detectarse nas últimas 24 horas 60 novos positivos, que superan ás 35 persoas que curaron desta nova enfermidade, sinala o Sergas. 

Menos de mil positivos

Tras acadarse o pico de máxima incidencia da segunda onda da pandemia o 1 de novembro, con 1.372 pacientes a tratamento, a pesar dese incremento, por cuarto día neste mes descendeuse dos mil casos a seguimento.

A maioría trátanse desde os seus lugares de residencia habitual. Permanecen 52 pacientes ingresados en hospitais: 49 no Clínico, con 10 na uci, que é a cifra máis baixa de novembro; e 3 en HM Rosaleda .

Desde marzo diagnosticáronse 7.470 positivos. Superaron a nova enfermidade 6.332 persoas e 166 faleceron, a última onte, un home de 87 anos ingresado no Clínico. Para detectar ou descartar novos casos realizáronse desde marzo 138.744 probas PCR e 85,583 serológicas.