Gueli Cotelo: «Confiamos en acabar entre os dous primeiros clasificados»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

TORDOIA

BASILIO BELLO

Fútbol | O adestrador do Bergantiños feminino fala do bo momento que vive o seu equipo: está a un só punto do líder do Grupo 1 da Segunda galega, o Abellá

21 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Bergantiños feminino está completando a súa mellor tempada ata o momento na Segunda galega. Vai cuarto, a un punto do líder do Grupo 1, o Abellá; gañou todos os partidos como local, e é o segundo equipo, xunto co Tordoia, que menos goles encaixou. Esta é a súa cuarta campaña dende que botou a andar baixo as directrices de Miguel Ángel Cotelo Couto (Carballo, 1980), Gueli, que conta os cambios que se produciron ata o momento e dos obxectivos que se marcan, así como do avance que se deu na comarca en relación ó fútbol feminino nos últimos anos.

-Veñen de liquidar sen problema (2-0) un partido contra un rival directo como é o Racing de Ferrol.

-Era un partido importante. Queriamos empezar a facer unha segunda volta mellor que a primeira. O Racing de Ferrol é un dos ósos duros. Saímos moi mentalizadas. Sabiamos como lle tiñamos que xogar polo fútbol que practican elas. Non se sentiron cómodas en ningún momento. Apertamos moito arriba, a saída do balón. E incluso tivemos algunha ocasión máis. En cambio Sánchez, a nosa porteira, apenas tivo traballo. Foi un moi bo partido. Queremos seguir facéndonos fortes na casa e coa dinámica dos últimos partidos, pois levamos catro seguidos sen encaixar goles. O equipo está rendendo a un nivel bastante alto.

-Con esta vitoria, puxéronse a un só punto do liderado.

-Iso é algo anecdótico, porque o Narón e o Tordoia [segundo e terceiro, respectivamente] teñen un partido menos. Pero bueno, hai catro-cinco equipos que imos estar loitando por eses dous primeiros postos que, en principio, permiten xogar a fase de ascenso. Cada semana cambia o líder entre que un equipo descansa e hai enfrontamentos directos. O obxectivo é non descolgarse e chegar ás últimas xornadas con opcións.

-Como valora estes anos de existencia do Bergantiños feminino? Que cambios se deron?

-A verdade é que está evolucionando a pasos moi importantes. Todos os anos estamos tendo un número elevado de xogadoras. Nunca tivemos problemas con respecto a outros equipos que chegan máis xustos ás convocatorias. Nunca baixamos de vinte e tres-vinte e catro fichas. Este ano, con respecto aos outros, a diferenza foi que demos un paso máis á hora de incorporar xogadoras doutros equipos, que incluso se teñen que desprazar para vir adestrar, pero que teñen ganas e ilusión por xogar con nós. Ven que no Bergantiños imos moi en serio co fútbol feminino. Hai varias que veñen de A Coruña, Vimianzo, Esteiro... Estamos nunha zona que temos A Coruña a un paso, e a Costa, a outro. Este ano, coa confección do Cee, do Mazaricos e do Paiosaco, a maiores de As Miúdas, que xa levan un tempo traballando, por temas de desprazamento, a moitas xogadoras séntalles mellor estar neses equipos. Pero é un paso importante que todos sexamos capaces de darlle saída a ese número de xogadoras que estaban reprimidas, sen poder xogar ao fútbol. Moitas que se animan, outras que empezaron con nós e que nunca xogaran e que hoxe en día están competindo a nivel moi bo... A evolución destas nenas en só estes anos foi altísima. Teño que dicir aquí, tamén, que estamos encantados coas fichaxes novas, porque hai un grupo estupendo. Fichamos xogadoras non só boas no campo, senón tamén no vestiario.

-Destaca algunha xogadora en concreto?

-Destacaría a todas porque agora mesmo somos o segundo equipo que menos goles encaixa, e iso non é só faceta da porteira, senón das defensas, do equipo. Este ano mesturamos experiencia, con xuventude e con ilusión de nenas que empezan dende abaixo. As maiores fan que as máis novas se adapten á perfección.

-No Grupo 3, o Cee tamén o está facendo moi ben. Vai terceiro. Quen ía dicir hai tempo que os conxuntos da zona darían que falar a nivel galego, non?

-Iso é algo moi bo para o fútbol feminino da comarca. Di que se están facendo ben as cousas.

-Cal era o obxectivo? Cambiou con respecto a agora?

-Como todos os anos, era tratar de competir un pouco mellor e, coa incorporación de novas xogadoras, intentar estar nos postos altos ata final de tempada. Agora pensamos en estar arriba para competir con todos os equipos. Xogamos con todos de ti a ti. Na segunda volta estamos moi ilusionadas porque todos os equipos da parte alta teñen que vir xogar á nosa casa onde de momento gañamos todos os partidos. Sabemos que no noso campo somos moi fortes. Confiamos en acabar entre os dous primeiros clasificados.

-Antes de adestrar ó Bergan, vostede non tivera contacto algún co fútbol feminino. Que sensacións ten tras este tempo? Diríalle algo á xente que aínda non apoia ó cen por cento este deporte cando as que o practican son rapazas?

-Foi unha experiencia moi gratificante. Gustoume, e cada ano estou máis motivado. Aínda teño algunha oferta de fútbol masculino, pero estou moi ilusionado co Bergan feminino. Dá gusto estar nun club no que che deixan traballar á perfección, cunha directiva e unha coordinación que apoian o fútbol feminino ao máximo. Ás veces escoitas comentarios de que o fútbol feminino non é fútbol, pero veñen de xente que trata de comparar o fútbol masculino co feminino, cando non se pode comparar. Hai unhas limitacións, sobre todo físicas, que diferencian moito o un do outro. As formulacións técnicas e tácticas, o estilo de xogo e a visión de xogo das xogadoras é a mesma que a dos xogadores. A única diferenza é que non se xoga ao mesmo ritmo.