Catro concellos da zona únense para recuperar unha ruta histórica a Santiago

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

TORDOIA

cedida

Tordoia lidera o proxecto porque no seu territorio conflúen tres camiños, que chegan de Carballo, A Laracha e Cerceda

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os camiños históricos a Compostela, desde Bergantiños, permanecen esquecidos, e os concellos queren recuperalos. Non só os ligados ás peregrinacións estritamente, como o Camiño Inglés, un dos que se inclúen nestas rutas seculares agora en estudo, senón outros ligados a feiras, festas, rutas comerciais ou simplemente de fluxo humano cara á capital de Galicia.

Hai moito material no que indagar, e Tordoia é dos máis interesados en facelo xa que xustamente aí, entre Andoio e sobre todo a pequena parroquia de Tordoia (a que lle dá nome ao municipio, pouco coñecida fóra do territorio municipal) conflúen eses camiños. Pero afectan de xeito directo a Carballo, Cerceda e Laracha (entre outros, como Arteixo ou Trazo), cuxos gobernos locais xa foron informados e están de acordo en potenciar estas vías. E tamén a Deputación da Coruña, a través da Vicepresidencia de Xosé Regueira. Xa se entrevistou co rexedor tordoiés, Antonio Pereiro, e dado o seu apoio.

Pereiro recupera un traballo que iniciou o seu pai, xa falecido, que tamén foi alcalde ata o anterior mandato. Xa entón houbo contactos entre concellos, ademais do encargo dun exhaustivo traballo ao historiados Alejandro de Arce Andratschke, que concluíu, e sobre cuxas conclusións se asentarán os traballos de campo que se realicen. Pasan pola posta en valor, a divulgación ou a sinalización, explica Pereiro. Haberá que celebrar máis reunións e ver que de colaboración se asina coa Deputación. Tamén o cura de Cabaleiros, Gorgullos, Bardaos e Rodís, o malpicán Manuel Chouciño Pardo, está moi implicado na recuperación.

A «comarca natural» de Bergantiños

Na súa investigación De Arce tomou como punto de partida unha publicación do enxeñeiro Carlos Nárdiz sobre o Camiño de Santiago da Coruña por Tordoia, aínda que nel non achou fundamento histórico algún, máis que unha serie de vías que se relevaban. Pero o que apareceron foron outros camiños que si están reflectidos en mapas históricos e na bibliografía. «Foi presentada unha alternativa con sólida base histórica. A nova ruta, denominada agora Camiño histórico da comarca natural de Bergantiños a Santiago de Compostela, si cumpría os requisitos que se lle pedía á ruta de Nárdiz: percorre os concellos do proxecto, ten fundamento histórico e a posibilidade de que fose empregada como vía de peregrinación local de grande parte da Costa da Morte cara Santiago», sinala. Foi tras esta conclusión cando Carballo, que inicialmente non estaba, uniuse ao proxecto. Para utilizar o concepto de comarca natural, na investigación pártese dun traballo de Salvador Parga Pondal, de 1950, publicado case 60 anos máis tarde pola Asociación de Desenvolvemento dá Comarca de Bergantiños. A súa superficie é maior que a administrativa actual, incluíndo as ramificacións meridionais da Serra de Montemaior, como Andoio, en Tordoia, ou A Silva, en Cerceda, ademais de Armentón e Larín, en Arteixo.

Parga xa recolle unha ruta a Santiago, que pasa por Aldemunde, achegando mapas do Arcebispado de principios do século XIX. E tamén se reflicte no soado de Domingo Fontán: un camiño de ferradura cos seus ramais por Paiosaco, Queixas e Cerceda, e por Carballo.

En definitiva, trátase de tres ramais que conclúen en Tordoia: o primeiro, en Carballo, por Sofán e Aldemunde; o segundo, desde Arteixo, por Paiosaco e A Silva, e o terceiro, por Queixas e Tordoia. Desde a unificación, van cara a Xavestre, Ponche Albar, a Peregrina (toponimia que parece transparente neste caso) e, finalmente, Vista Alegre antes de pisar a catedral.

Cada vez maior interese polos antigos camiños

Na Costa da Morte se han ir recuperando antigas rutas, as maior parte ligadas ao Camiño ou ao culto mariano. Desde a prolongación a Fisterra e Muxía, desde mediados dos anos 90, ata as moitos máis recentes vías por Brandoñas, Brandomil ou Baíñas, e ultimamente a vía mariana desde Braga ata Muxía, por citar algunhas das que teñen máis transcendencia. E que, ademais do valor histórico, tamén o posúen comercial, xa que ao redor desas rutas se han ir tecendo redes de albergues e locais hostaleiros impensables hai só 25 anos.

Para este estudo dos camiños de Santiago (e Fisterra), ademais dun traballo de campo, cunha marcha a pé de tres días, o autor consultou unha abundante obra bibliográfica moi diversa: mapas, cartografía en xeral, fotografía aérea histórica, fondos da Real Audiencia, numerosas bibliotecas tanto físicas como con acceso web, proxectos de obras públicas, documentación eclesiástica... Neste caso, é clave o mosteiro de San Pedro de Soandres, na Laracha.