Os programas de emprego da Xunta para a comarca xerarán 148 contratacións

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

TEO

cedida

O goberno galego destina a esta nova iniciativa 2,4 millóns de euros

29 jul 2021 . Actualizado ás 00:33 h.

Os novos programas de emprego promovidos na área de Santiago pola Consellería Emprego e Igualdade de contarán cun investimento de 2,4 millóns de euros e permitirán a contratación de 148 desempregados que prestarán diferentes servizos aos concellos da zona. Así o anunciou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha visita a un taller de emprego dual de Negreira no que dezaseis alumnos se están formando en albanelería e en actividades auxiliares de xardinería.

Gran parte da oferta de emprego concéntrase nos talleres de garantía xuvenil, que na mancomunidade de Ordes estarán orientados ás fábricas de albanelería e os traballos de carpintería e moble; no concello de Teo , á programación con linguaxes orientadas a obxectos e a base de datos relacionales; e en Rois , á confección e publicación de páxinas web. Santiago ofrece o resto destes talleres con dúas especialidades: desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. En total, os talleres de garantía xuvenil suporán un investimento de 1,4 millóns de euros e contarán con 63 alumnos.

Os 85 restantes repartiranse en distintos programas de emprego cun custo de máis dun millón de euros. A maioría, uns 43, participarán no Aprol rural para a prevención de incendios, con presenza en todos os municipios da área excepto Santiago. Por outra banda, os talleres dirixidos a receptores da Risga darán emprego a 30 persoas, das que 20 serán de Santiago e as restantes repartiranse nos concellos de Arzúa , Brión, Dodro, Teo e Vedra, con dúas prazas cada un. Completan a oferta os doce empregos dos programas orientados á contratación de socorristas, cunha praza na Baña, Boimorto, Melide, Negreira, O Pino e Santa Comba e dúas en Santiago, Santiso e Val do Dubra.