Os cambios para rexenerar a mina da Casalonga provocan denuncias e novas protestas

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

XOAN A. ADOITAR

O Concello esixe información e os veciños prevén mobilizarse

08 may 2021 . Actualizado ás 23:28 h.

A información facilitada na Comisión de Industria do Parlamento sobre a mina A Casalonga (Teo), confirmándose que a propietaria do terreo e concesionaria da explotación presentou unha modificación do proxecto de rexeneración do espazo, disparou as alarmas no Concello de Teo e na plataforma Casalonga Limpa, xa que descoñecen o contido do expediente.

Na comisión, como resposta á parlamentaria Noa Díaz (PSOE), a directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, destacou que Toysal prevé un uso forestal dos terreos, sen que poida utilizar residuos para o seu proxecto. Díaz, en sintonía coa petición do Concello e da plataforma veciñal, instou a Xunta a decretar a caducidade da licenza de actividade ao haberse acreditado que Toysal non está explotando a mina, pero Uría confirmou que se aceptou a solicitude da empresa para paralizar a actividade polas dificultades de acceso á mina, provocadas polo conflito co Concello pola propiedade da vía que comunica a canteira. A este respecto, a Xunta tamén confirmou que compartía o criterio de Toysal sobre a titularidade privada do viario, aínda que o Concello sinala que lle foi asignada como acceso público coa concentración parcelaria. A directora xeral, pola súa banda, insistiu en que a Xunta está a actuar «con rigor e con criterios técnicos, ambientais e xurídicos».

Tras esta información, a plataforma veciñal acusou á Xunta de falta de transparencia por non ter facilitado esta información con anterioridade e insiste en que a empresa deixou de explotar a mina moito antes do conflito sobre a propiedade do acceso, polo que esixen a caducidade da licenza, o que evitaría executar o plan de rexeneración, do que desconfían, polo que anunciaron novas protestas. «Ninguén se traga que unha empresa dedicada exclusivamente ao lixo gaste unha millonada nunha finca para plantar arboriños», sinalan integrantes da plataforma.

Ante esta situación, o rexedor de Teo, Rafael Sisto, confirmou que solicitarán novamente información sobre estas modificacións e en caso de non recibila acudirán á vía xudicial. Uxía Lemus, edila de Urbanismo, acusou a Xunta de «vestir as necesidades de Toysal baixo un viso de legalidade» e afirma que queda demostrado que «o inimigo xa non é só Toysal, xa que tamén o é a Xunta».