Mobilidade axusta liñas de bus en Teo para cubrir a demanda

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

PACO RODRIGUEZ

O acordo co Concello e a concesionaria das frecuencias beneficia a traxectos de Cacheiras e Os Verxeles

29 sep 2020 . Actualizado ás 05:10 h.

A entrada en vigor de forma progresiva dos novos contratos do transporte en Galicia provocou os primeiros desaxustes no plan metropolitano de Santiago, que afectan especialmente á poboación do corredor entre A Estrada e Teo, xa que este un dos primeiros servizos en funcionamento e corresponde a varias liñas de autobús cunha demanda moi elevada, por canto vertebra o municipio de Teo por Pontevea, Cacheiras e Os Verxeles.

Transcorrida a primeira semana en vigor do contrato saltaron as alarmas, xa que a zona dos Verxeles vía como a frecuencia das oito da mañá atrasábase ata as 9.30 horas e varias frecuencias en hora punta que circulaban e paraban por Cacheiras pasaron a tomar a AG-59 evitando Teo.

Tras as queixas veciñais e do Concello de Teo, que insta á poboación a que informe de calquera incumprimento, responsables municipais, da Dirección Xeral de Mobilidade e da empresa concesionaria pecharon onte un acordo, que se deberá plasmar a moi curto prazo, para recuperar as paradas en Cacheiras e para a apertura dunha frecuencia sobre as 7.30 horas desde Os Verxeles.

A previsión é que estes cambios se manteñan ata que entren en vigor os contratos que expoñen novas rutas e paradas por esta zona. Entre eles está o que inclúe a liña circular que unirá os principais núcleos urbanos de Ames e Teo.

Mentres isto non suceda, Cacheiras manterá os servizos que tiña, coa posibilidade de que a adxudicataria desdobre algunha ruta desde A Estrada unha vez á altura da Ramallosa.

Piden a continuidade de servizos nas comarcas de Arzúa e Ordes

O novo modelo de transporte afecta a liñas de bus que non forman parte da rede metropolitana. E nalgúns casos existe o temor de que desaparezan concesións que conectan municipios das comarcas de Ordes e Arzúa, segundo denuncia o BNG.

Xosé Luís Rivas, deputado autonómico do BNG e ex rexedor de Boimorto, anunciou onte unha campaña social para manter a liña entre Santiso e A Coruña, con paradas en Santiso, Arzúa, Frades e Ordes. Tamén confirmou que vixiarán o compromiso da Xunta para manter a liña entre Vila de Cruces e A Coruña, con paradas en Arzúa e Boimorto.