A dirección da banda de música de Teo pasa de profesor a alumno

Por Patricia Calveiro

TEO

Xoán A. Soler

Francisco Fernández colle a substitución tras a marcha de Álvaro Varela

08 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Doce anos, que se di pronto, pasou Álvaro Varela Ferradáns dirixindo á Banda de Música Cultural de Teo. O de Merza despedíase o mes pasado nun concerto moi especial celebrado na nova igrexa de Milladoiro, onde se interpretaron algúns dos temas máis significativos tocados ás ordes do cruceño, como Libertadores, obra coa que conseguiron o primeiro premio no festival internacional de Toro . Foron moitas as satisfaccións durante este tempo, destaca Álvaro, pero sentía que era o momento de dar a outro a testemuña: «Foron 12 anos inesquecibles que pasaron súper rápido. Lévome unha morea de amigos, tanto músicos coma pais, directivos e veciños. Roubáronme un anaco ben grande de corazón. Pero a banda para min é un hobby. Aínda que me criei nisto, e vívoo moitísimo, eu son profesor no instituto en Lalín e hoxe a banda de Teo ten un nivel moi alto, polo que dirixila supón moitísimo traballo e dedicarlle horas, porque tratas con xente profesional e hai que estar á altura». Nesta nova etapa da súa vida, Álvaro busca «descansar e dedicar un pouco máis de tempo á familia». Pero non cedeu a testemuña a calquera. Trátase dun trompetista, como el, ademais de amigo e exalumno seu na escola da Banda Artística de Merza. Francisco Fernández Pérez, que vén de dirixir á Banda Xuvenil de Merza, colleu a substitución e, en principio, agárdase que o seu concerto de presentación a cargo de a formación teense sexa o próximo mes. É un deses músicos aos que Álvaro viu crecer profesionalmente. Para el, un dos motivos de orgullo é precisamente ese: «Das maiores satisfaccións que me levo é ver aos rapaces coller por primeira vez un instrumento e que cheguen a unha orquestra sinfónica de Suecia, como Tomé, ou a dar clase en centros educativos ou conservatorios coma Nico, Cacheda e tantos outros». O listón queda alto para Francisco, pero xa vén con parte do camiño andado, porque dalgún modo xa formaba parte da gran familia da banda.