A dirección da banda de música de Teo pasa de profesor a alumno

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

TEO

Francisco Fernández colle a substitución tras a marcha de Álvaro Varela

08 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Doce anos, que se di pronto, pasou Álvaro Varela Ferradáns dirixindo á Banda de Música Cultural de Teo . O de Merza despedíase o mes pasado nun concerto moi especial celebrado na nova igrexa de Milladoiro , onde se interpretaron algúns dos temas máis significativos tocados ás ordes do cruceño, como Libertadores, obra coa que conseguiron o primeiro premio no festival internacional de Toro . Foron moitas as satisfaccións durante este tempo, destaca Álvaro, pero sentía que era o momento de dar a outro a testemuña: «Foron 12 anos inesquecibles que pasaron súper rápido. Lévome unha morea de amigos, tanto músicos coma pais, directivos e veciños. Roubáronme un anaco ben grande de corazón. Pero a banda para min é un hobby. Aínda que me criei nisto, e vívoo moitísimo, eu son profesor non instituto en Lalín e hoxe a banda de Teo ten un nivel moi alto, polo que dirixila supón moitísimo traballo e dedicarlle horas, porque tratas con xente profesional e hai que estar á altura». Nesta nova etapa da súa vida, Álvaro busca «descansar e dedicar un pouco máis de tempo á familia». Pero non cedeu esta responsabilidade a calquera. Trátase dun trompetista, como el, ademais de amigo e exalumno seu na escola da Banda Artística de Merza. Francisco Fernández Pérez, que vén de dirixir á Banda Xuvenil de Merza, colleu a substitución e, en principio, agárdase que o seu concerto de presentación a cargo de a formación teense sexa o próximo mes. É un deses músicos aos que Álvaro viu crecer profesionalmente. Para el, un dos motivos de orgullo é precisamente ese: «Dás maiores satisfaccións que me levo é ver aos rapaces coller por primeira vez un instrumento e que cheguen a unha orquestra sinfónica de Suecia , como Tomei, ou a dar clase en centros educativos ou conservatorios coma Nico, Cacheda e tantos outros». O listón queda alto para Francisco, pero xa vén con parte do camiño andado, porque dalgún modo xa formaba parte da gran familia da banda.

Familia e trío musical

Os lazos de sangue unen ao Trío Acivro, unha singular formación integrada polo profesor e flautista da Real Filharmonía Galega Luis Soto e os seus dous fillos, Lucas (violinista de 15 anos) e Cecilia (violonchelista de 10). O músico tocou por primeira vez xunto ao seu fillo maior na biblioteca Ánxel Casal cando este tiña só 5 anos, idade coa que se lles uniría logo a pequena nas súas xa agardados concertos didácticos de Nadal. Onte, tivo lugar o último deles no centro público compostelán e o Trío Acivro non defraudou. Di Soto que o seu obxectivo sempre foi dar a coñecer os instrumentos e combater esa idea de que a música é só para superdotados. Por iso pai e fillos non só tocan as súas pezas e vanse. Iso sería o doado. Eles constrúen un relato, falado e musicado, no que explican de forma práctica as características duns instrumentos que para eles son como unha extensión máis dos seus brazos. Pero, ademais, o seu concerto é unha invitación aberta cada ano a outros nenos para que toquen xunto a eles, nunha viaxe a través de distintos compositores, cancións do Nadal, populares e improvisacións.

Arte, fetiches e anarquía

O Centro Empresarial do Tambre sucumbiu desde onte á anarquía de tres artistas, moi diferentes entre si pero cuxos camiños acabaron cruzándose nunha exposición conxunta. Trátase de Celia Pía, Javier Sanz e José A. Morandeira. Ela é de Ortigueira, profesora de piano e licenciada en Belas Artes; e nos seus lenzos a pintura a e música van ligados. Javier, barcelonés afincado en Compostela e exalumno da EASD Mestre Mateo, ten a madeira por material fetiche para as súas tallas e esculturas. E Morandeira mergullouse de cheo na fotografía despois de que unha lesión o afastase durante tres anos do surf; empezou como axudante de fotografía en cerimonias pero o obxectivo abriríalle moitas máis portas entre España, Italia e outros países de Europa, Asia e África.

MÁIS HISTORIAS DE PATRICIA CALVEIRO