Un incendio provoca danos materiais nun taller de coches de Montouto

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

TEO

A orixe do sinistro foi unha avaría no cadro eléctrico dunha nave onde se realizan traballos de chapa e pintura

21 ene 2019 . Actualizado ás 10:04 h.

Unha avaría no cadro eléctrico foi a orixe do incendio declarado á primeira hora da tarde de onte nun taller de chapa e pintura de automóbiles de Teo. Non se produciron feridos, aínda que o establecemento rexistrou danos materiais.

O taller sinistrado está situado no lugar da Póboa-Montouto, na parroquia teense de Cacheiras. Un particular chamou ás dúas da tarde á central de urxencias do 112 Galicia para informar o incendio. No seu relato sinalou que polo tellado da nave do establecemento afectado, Talleres López, saía moito fume e que se escoitaban explosións.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa participación das urxencias sanitarias 061, efectivos do parque de bombeiros de Boiro, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada, a Garda Civil, Policía Local de Teo e voluntarios de Protección Civil da Estrada. Tamén foron informados, por se fose necesaria a súa intervención, os parques de bombeiros de Santiago e Ordes, e Protección Civil de Teo, así como Augas de Galicia, a empresa Sogarisa de tratamento de residuos industriais e persoal da Consellería de Medio Ambiente.

Tras finalizar os labores de extinción, levadas a cabo principalmente polo GES da Estrada, os servizos de urxencia confirmaron que se tratou dunha avaría nun cadro eléctrico.

Por outra banda, os bombeiros de Santiago acudiron a media tarde de onte a San Lázaro para extinguir un conato de incendio nunha casa abandonada.