Medio Ambiente arquiva o expediente da planta de residuos de Casalonga, en Teo

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

TEO

xurxo bujan

A directora xeral de Calidade Ambiental, Cruz Ferreira, reunirase con veciños e membros da corporación a semana que vén

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A controversia suscitada en torno ao proxecto da planta de residuos de Casalonga rexistrou onte o que pode ser o seu último episodio. A Consellería de Medio Ambiente anunciou a través dun comunicado a súa decisión de arquivar o procedemento de tramitación ambiental sobre o proxecto para instalar esa planta no municipio de Teo. «Esta resolución emítese logo de ter recibido o informe negativo de compatibilidade urbanística por parte do Concello, e con ela ponse fin á tramitación ambiental do proxecto por parte da Xunta», subliñou o departamento autonómico nesa nota.

Lembrou a consellería que a lexislación en materia de contaminación establece que o Concello no que se pretenda situar unha instalación de tratamento de residuos dese tipo «deberá emitir un informe urbanístico que será totalmente vinculante, xa que determinará o avance do resto da tramitación». Medio Ambiente sinala que o pasado día 4 recibiu o informe de incompatibilidade urbanística, polo que a consellería asinou a resolución coa que pon fin a ese procedemento administrativo «e se arquivan todas as actuacións realizadas ata o momento». Ademais, a directora xeral de Calidade Ambiental, Cruz Ferreira, reunirase con veciños e membros da corporación a semana que vén.

Alegría moderada do Concello

O Concello de Teo expresou a súa «moderada satisfacción» ante o anuncio da Xunta. «Se ven de gañar unha batalla, máis estamos diante dunha ameaza medioambiental que pode non rematar aquí», alertan desde o grupo de goberno. Para afastar de forma definitiva os riscos, piden modificar a Lei do Solo.

O grupo municipal do Partido Popular de Teo considerou, pola súa banda, que «a axilidade da Xunta no arquivo do expediente da planta de residuos evidencia a manipulación e desidia do goberno local».