Compostela envellece sen substitución á vista

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

TEO

SANDRA ALONSO

En case oito mil fogares do municipio, o 20,56 % do total, só viven persoas de 65 ou máis anos

17 sep 2018 . Actualizado ás 01:01 h.

Galicia é un país cada vez máis envellecido. De feito, un de cada catro habitantes é perceptor dunha pensión contributiva da Seguridade Social, unha proporción arrepiante e que dá conta do vertixinoso declive demográfico que azouta ao territorio. Aínda que en menor medida, o seu impacto tamén se percibe nas cidades, incluídas as do chamado eixo atlántico, onde hai un maior dinamismo económico. Segundo os últimos datos actualizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) - a falta de que se peche o 2018 -, nos sete grandes concellos da comunidade o número de pensionistas por cada mil habitantes é inferior ao valor medio da autonomía. Os que presentan unha maior proporción son Ourense e Ferrol, con 238,3 e 229,8, respectivamente, seguidos da Coruña (216,9), Vigo (210) e Lugo (203,8). A continuación situaríase Santiago, con 191,3 perceptores por mil residentes, o que traducido a unha escala menor significa que case dúas de cada dez habitantes censados son pensionistas. Pontevedra é o concello que presenta a proporción máis baixa (178,1).

No caso de Compostela, como noutras cidades, dáse a circunstancia de que unha parte importante da poboación nova ocupada reside nos municipios limítrofes, como son os casos de Teo, Ames e Oroso, e que na cidade hai cada vez unha maior porcentaxe de persoas maiores. Sirva un dato como exemplo: no último informe que ofrece o IGE sobre a situación estrutural das familias, actualizados ao 2016, móstrase que no 20,56 % dos fogares existentes no municipio só vive poboación maior de 65 anos. Esta realidade é especialmente recoñecible nalgunhas áreas da cidade, como o Ensanche ou zona nova, rúas que fai catro décadas acolleron aos fillos do bum demográfico dos setenta, e que albergaron tempo despois a miles de universitarios. Hoxe é un barrio de xubilados, o que tivo tamén consecuencias na hostalería e o comercio da zona, que mudaron a súa cara substancialmente.

Esta realidade ten tamén un impacto económico: cada vez é máis grande a fenda entre as persoas que se benefician do sistema (xubilados) e as que achegan (cotizantes), ao que se suma o gasto público ocasionado pola poboación maior e a necesidade de reorganizar servizos sanitarios e sociais, é dicir, o conxunto das políticas públicas dirixidas a un segmento de poboación cada vez maior. A mediados do pasado mes de agosto, a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, fixo público un estudo que tiña por obxectivo trazar un diagnóstico da situación e poder así orientar as decisións para converter Santiago nunha cidade inclusiva e amigable cos maiores, tal e como marcan os criterios internacionais.

O informe mostra que máis do 27 % da poboación ten máis de 60 anos e que case dous de cada dez presentas maiores de 65 viven soas, ata sumar 4.581 sobre un censo de case 97.000.