Firmas para defender o río Furelos

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTISO

LORENA GARCÍA CALVO

Arrinca a campaña promovida polos concellos de Melide, Santiso, Toques e Agolada

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

A área recreativa fluvial da Cornella (Santiso), afectada pola contaminación provocada polas verteduras ao río Furelos, foi o escenario elixido onte para iniciar a campaña, impulsada polos concellos de Melide, Santiso, Toques e Agolada, así como asociacións da contorna, para esixir unha resposta da Administración ás reiteradas agresións.

O acto simbólico para implicar á cidadanía neste obxectivo ambiental celebrouse ao mediodía na citada área recreativa de Santiso, que aínda que está bañada polo río Ulla, foi afectada a vertedura industrial que, o venres da semana pasada, causou a mortaldade de máis de 10.000 exemplares piscícolas, deixando sen vida os últimos oito quilómetros do río Furelos. O tramo afectado abarca desde a desembocadura no Furelos do regacho de Vimianzo, ao que verten as augas do polígono industrial de Melide, ata o Ulla.

A Asociación de Troiteiros Río Furelos, a Asociación Veciñal Melidá e a Asociación As Regueiras secundaron, xunto con particulares, o inicio da campaña de recollida de firmas, que tamén une aos concellos de Melide, Toques e Santiso nunha fronte común no marco do que os respectivos alcaldes (o independente José Manuel Pérez, o socialista Miguel Buján e o nacionalista Manuel Adán) solicitaron unha reunión conxunta coa conselleira de Medio Ambiente e exalcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez. Aos tres concellos da provincia coruñesa tamén se sumou o pontevedrés de Agolada, cuxo alcalde asistiu o encontro na Cornella, xunto aos seus homólogos de Santiso e Toques e o concelleiro delegado de Medio Rural de Melide.