Santiso recolle firmas para pedir unha solución ás verteduras contaminantes no río Furelos

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTISO

CEDIDA

A Asociación de Troiteiros Río Furelos insta as autoridades locais a denunciar os feitos ante a Fiscalía

20 jul 2019 . Actualizado ás 05:10 h.

O Concello de Santiso iniciará unha recollida de firmas para que a cidadanía que así o considere exprese o seu malestar polas verteduras contaminantes que afectan o río Furelos e para, en consecuencia, solicitar «que se tomen as medidas necesarias por parte das autoridades competentes para solucionar este problema e que non se volva repetir». Así se le nos impresos que, desde hoxe, están a disposición en locais públicos e en establecementos de hostalería para quen queiran secundar unha iniciativa, adoptada despois de que a última vertedura procedente do polígono industrial de Melide, detectado a semana pasada, teña causado a mortaldade de miles de exemplares piscícolas nos últimos oito quilómetros do río Furelos, un tramo que discorre practicamente na súa totalidade por Santiso. Sobre esa vertedura prestou declaración ante o Seprona o presidente da Asociación de Troiteiros Río Furelos, Xavier Pazo. O colectivo, que insta as autoridades locais a denunciar os feitos ante a Fiscalía, foi chamado a unha reunión o luns coa conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez.