Preto de 200 gandeiros de Santiso recibiron máis dun millón en pagamentos da PAC

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTISO

CEDIDA

O importe total representa o 40 por cento do orzamento municipal deste concello

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Os gandeiros de Santiso recibiron, o pasado exercicio, máis de 1 millón de euros en pagamentos da PAC, distribuídos nun total de 181 solicitudes. O importe total representa o 40 por cento do orzamento municipal dese concello eminentemente rural, tal e como puxo de manifesto a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, no transcurso dunha visita onte a unha explotación gandeira. «Isto é unha mostra do importante que son os fondos europeos para o noso territorio e por iso traballaremos por manter o orzamento comunitario da PAC 2020», afirmou a titular do departamento autonómico, que coñeceu en primeira persoa a gandería de vacún de leite Loureiro Varela, unha cooperativa de dous socios que contou, en varias ocasións, con axudas da Consellería de Medio Rural. A última concedéuselle o ano pasado pola incorporación dunha moza á actividade gandeira e polo desenvolvemento dun plan para modernizar a explotación.

Os titulares da cooperativa recibiron 70.000 euros con cargo dunha liña de axudas cofinanciadas con Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e destinarán a subvención á adquisición dunha ordeñadora e unha encamadora, e á construción dunha fosa e dun almacén. Ánxeles Vázquez puxo esta granxa de Santiso como exemplo «da aposta dos gandeiros galegos por expandir as súas explotacións e facelas rendibles a través da incorporación de membros, sobre todo novos e mulleres, e por mellorar a as súas infraestruturas, moitas veces a través da fusión con outras granxas para así reducir os custos». Para a conselleira de Medio Rural, «Deste xeito garántese a viabilidade fronte esas pequenas explotacións sen relevo xeracional», engadiu.

Ánxeles Vázquez aproveitou a visita á gandería Loureiro Varela, cun censo de 88 cabezas de gando, para agradecer a solidariedade manifesta polos seus socios, xunto con outros gandeiros de Santiso, na vaga de incendios do ano pasado, cando enviaron forraxe para o gando aos concellos máis afectados polos lumes. En palabras da conselleira de Medio Rural, «fixeron un esforzo á súa costa para que non perigaran outras explotacións e hai que poñer en valor esta solidariedade». O xesto, xuízo de Ánxeles Vázquez, pon de relevo «a solidariedade que distingue ao rural galego».