Aquí non só se dá un prato quente ás persoas vulnerables

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Sandra Alonso

Nazaret López, coordinadora do centro de día na Cociña Económica de Santiago, fala do servizo  suspendido polo covid que foi reaberto onte

24 novs 2021 . Actualizado ás 10:35 h.

Hoxe celébrase o Día Europeo dos Sintecho e toca recoñecer ás persoas, voluntarios e profesionais, que durante todo o ano se esforzan para facer máis levadía a vida de quen carecen en grao sumo básico, como un lugar onde vivir. Desde a súa fundación hai 130 anos, en 1891, leva a Cociña Económica de Santiago (xestionada polas Fillas da Caridade) proporcionando alimentos na cidade non só aos sintecho senón tamén a quen atravesan unha fochanca económica e pasan serios apuros para conseguir un prato de comida cada día. Pero, ademais, no 2010 púxose en marcha un centro de día, cuxa actividade se viu suspendida pola pandemia. Hoxe reabría as súas portas nas instalacións do centro histórico este pequeno refuxio diúrno que ofrece un lugar onde gorecerse ata que cae a noite, á vez que lles brinda orientación para a súa reinserción social e laboral.

Nazaret López Calviño coordina este servizo. A traballadora social de 32 anos coñece este centro de día e aos seus usuarios desde que abriu. «Estudei Traballo Social e empecei aquí no 2010, facendo as prácticas», conta a santiaguesa. «As necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade foron cambiando e era necesario ofrecer unha atención moito máis integral e non só o asistencialismo do alimento», indica sobre a creación do centro de día. Alí contan con duchas e produtos de hixiene e aseo persoal básicos, desenvolven actividades de lecer produtivo e un programa para a procura activa de emprego, trabállanse as habilidades sociais e a resolución de conflitos, refórzase a atención sanitaria (desde o acompañamento e tramitación de citas ata o acceso a residencias), ademais de servir como dirección de referencia para recibir os correos sobre as axudas básicas como a risga no caso daqueles que aqueles que non teñen un domicilio fixo. «Da moita máis confianza o centro de día, cun horario máis amplo que o comedor, para que a xente acuda a ti para solucionar moito tipo de cousas», apunta Nazaret.

Para ela, «o que máis necesitan é unha persoa que os escoite e falar, desde ese trato diario e familiar que acabas tendo aquí». Recoñece que coñeceu «historias de vida» duras e ao principio, cando facía as súas prácticas e enfrontábase por primeira vez a este traballo, «non o pasei moi ben. Nos días fríos de inverno, cando saías de traballar, vías ás persoas coas que pasabas o día ir directamente ao parque para poñer a súa tenda de campaña mentres que ti ías ao quentiño». «É importante, coma profesionais, a xestión das emocións», afirma esta veterana da Cociña Económica, quen no centro de día traballa man a man con outros dous traballadores sociais, Xosé Hadrián Suárez e Cristina Filloy.