Algunhas ideas

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO CIDADE

02 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xente disposta a sacarlle punta a todo. Mesmo ao programa Camiño de Compostela 2032 que pariu -con perdón- o Real Padroado. Aí só cabe o aplauso porque será un chorro, e mesmo un chorreo, de millóns que vai beneficiar á cidade. O cal non quere dicir que tras a análise a cidadanía non poida achegar non só a súa opinión -aínda que non todas as opinións valen o mesmo, non- senón a súa reflexión.

E nesa liña, está moi ben o aplicar os valores da cidade histórica aos seus espazos periféricos. Pero resulta que o Ensanche non é un espazo periférico senón unha das dúas partes da cidade. Nin máis nin menos importante que a outra. Porque se un quere comprarse unha boa guitarra ou un viño especial ou un Rolex non se vai ao Franco, vaise ao Ensanche. E ambas as partes son complementarias. Non velo así é, dito sen ánimus injuriandi, de mentes curtas.

No programa bótanse de menos intervencións firmes no Ensanche máis aló da remodelación da área de conexión coa nova estación intermodal. E, sen dúbida, se o que se pretende é distribuír os fluxos turísticos, deixar á marxe a unha das metades da cidade non parece o máis acertado: non descubrimos nada novo ao dicir que se trata da principal zona residencial. Esta é unha oportunidade de ouro para, por exemplo, avalorar os conxuntos monumentais de Conxo e A Rocha Vella mediante a articulación de rutas peonís polo Ensanche, e de dotar a leste de elementos de atractivo turístico que poidan ter efecto chamada.

E postos a detectar lagoas, que foi da idea de integrar na intermodal un teleférico á Cidade da Cultura para achegala ao centro da cidade?

Todo é mellorable.