A cafetería da estación de autobuses de Santiago abrirá todos os días de 6 da mañá a 12 da noite
SANTIAGO CIDADE
A empresa municipal Tussa licitará en breve o concurso para instalar e xestionar ese servizo
20 jun 2021 . Actualizado ás 21:15 h.A cafetería da estación de autobuses funcionará todos os días do ano entre as seis da mañá e as doce da noite, segundo as condicións que esixirá Tussa no concurso que abrirá en breve para licitar a súa implantación e que leva parella a instalación de máquinas expendedoras de bebidas de produtos sólidos tanto nese recinto como nos aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís, que tamén xestiona a empresa municipal.
A adxudicataria deberá asumir o custo da instalación da cafetería, un investimento que se estima nuns 75.000 euros e que se compensará co período de concesión. A cafetería deberá ofertar polo menos servizo de restauración de doado elaboración e unha estética coidada e acorde co recinto, estreado fai un mes. A pesar de que aínda non saíu a licitación, o concelleiro de Mobilidade terá que dar xa explicacións sobre ese concurso no pleno, a petición do PP, que cuestiona que este non fixe prezos máximos. O PP mantén esa petición a pesar de que, tras advertilo no consello de administración, o alcalde anunciase que será ese consello o que aprobe os prezos. Para o edil Ramón Quiroga, ese anuncio «non garante nada e non despexa determinadas incertezas».
Nese mesmo consello, Tussa aprobou a volta ao horario habitual do aparcadoiro de Salgueiriños (de 8 a 20) desde o 1 de xullo. Coa pandemia só funcionaba polas mañás.