O himno que Fredi Leis compuxo á súa cidade salta agora ao Camiño

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Paco Rodríguez

Coreado ata en Madrid, «Santiago DC» xa forma parte da banda sonora peregrina

23 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Un himno non é canción dun día, nin dun ano. Permanece no tempo e no recordo. É inmortal. Santiago DC tiña todos os compoñentes para converterse nun. O tema que Fredi Leis compuxo á súa cidade conseguiu tocar a fibra colectiva desde o principio. Apareceu alá polo 2013, cando os móbiles botaban fume co Candy Crush, nunha veterana plataforma dixital como SoundCloud, e pronto acadaba as mil reproducións diarias. A súa popularidade foi crecendo, xunto á daquel mozo pianista e cantautor que agardou ata os 25 para dar a coñecer o seu talento, quen ano tras ano se ha ir labrando un nome na música. Neste tempo, Santiago DC foi coreado en llenazos —deses que agora parecen tan afastados— nas principais salas da capital galega, en Pontevedra, na Coruña, en Madrid e outras moitas cidades. Esa letra que fala dunha cidade que «desprende dopamina», «onde bailas coa tuna», na que os xoves se sae «sen hora» e «a afección cántache o Miudiño» segue viva e neste 2021 pasou a formar parte oficialmente da banda sonora peregrina.

O salto xacobeo chega da man dunha serie que se estreou onte e chegará a 195 países, 3 Camiños. E, por se lle fixese falta un pouco máis de eco, un dos actores compartía esta semana en directo a interpretación de Fredi na presentación do proxecto audiovisual en Santiago. Así, os 1,4 millóns de seguidores en Instagram que ten Álex González puideron escoitar nos seus stories este poema musical dedicado a unha Compostela coñecida desde dentro. Tanto é así, que na transcrición da letra en SoundCloud houbo que engadir unha aclaración sobre a referencia ao monte Pedroso, grazas ao cal «quedan prazas libres nos hostais» —reza a canción—, para aqueles que non saben dos costumes amatorias arraigadas antes do toque de queda nocturno. Di: «Pedroso: monte con vistas e lugar de culto para coches con cristais embazados». Manu Riveiro, quen coordinou a música que acompaña aos protagonistas na súa viaxe vital, quixo incluír o compoñente local non só con Fredi. Outro bo coñecedor da noite santiaguesa como Andrés Suárez, que viviu nesta cidade a súa etapa universitaria e os seus primeiros concertos, tamén participa co tema Camiñantes, escrito para a ocasión xunto a Iván Ferreiro e interpretado por ambos.

25 anos de Ruxe Ruxe

Con 11 elepés no mercado e máis de 200 cancións orixinais ás súas costas, Ruxe Ruxe celebra as súas vodas de prata e neste ano a banda santiaguesa planea renovar a xira do disco presentado en febreiro, O estraño falar dun monstro de aldea, e dar a coñecer outros temas fraguados nestes meses de parón concertístico (que non creativo). A falta dun escenario con público para celebrar o aniversario, o grupo compartía cos seus fans unha mensaxe mostrando o seu desexo de seguir cumprindo máis: «25 castañas, 25 primaveras, 25 anos. Chamádelle como queirades pero aí están todos eles, uns xunto aos outros, nunha mochila de viaxe infinito e aventura constante e ininterrompida dende a nosa vella corte de vacas na aldea de Aríns. 25 de amizade fermosa e mundos compartidos que, segundo como se miren, pasaron moi rápido ou moi paseniño pero nunca con ganas de que terminen. Foron 25 e acaba de empezar, ou igual estamos nese ecuador labiríntico do que xa nunca sairemos nin queiramos saír». Agardemos que sexa o primeiro e quede unha longa vida por diante a aquela formación que empezou con catro amigos de instituto tocando xuntos (Vituco Neira, Xan Carlos Pérez, Xaco Barona e Xan Rico, alias Xan Pericán).

Doar en tempos difíciles

A presidenta e a directora da Fundación Andrea, Charo Barca e Amaya Castro, foron recibidas en Bricomart por Alejandro Rey e Ana Domínguez, o director de almacén e a responsable de caixas en Santiago, quen en representación todo o equipo formalizaron a doazón do diñeiro que non investiron este ano na cea de Nadal. Como tantos outros e tendo en conta a situación sanitaria, nesta ocasión non a celebraron, pero este equipo de traballadores decidiu investir a cantidade que ían destinar para iso a unha boa causa, concretamente para a fundación que apoia desde a capital galega aos nenos con enfermidades de longa duración. É «un xesto precioso, máis nun momento especialmente difícil para todos como é este», destacou Amaya Castro, directora da Fundación Andrea.