O Obradoiro, de negro contra a violencia de xénero

Claudia Souto SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Sandra Alonso

As 41 mulleres asasinadas neste 2020 foron lembradas nun manifesto que condena as agresións sexuais

25 novs 2020 . Actualizado ás 14:47 h.

A praza do Obradoiro presenciou está mañá un minuto de silencio en conmemoración do 25-N, o día Internacional para a eliminación das violencias contra as mulleres. As institucións reuníronse ás 12.00 da mañá para lembrar ás mulleres asasinadas. Tras a homenaxe, leuse un manifesto que recollía a especial significación da data neste ano. Ao mesmo tempo, en San Caetano con presenza do presidente da Xunta, e en todas as delegacións territoriais, celebrouse o minuto de silencio.

A eliminación da violencia de xénero é un labor que corresponde a toda a cidadanía e non é en ningún caso permisible retroceder nin un paso. Para iso, o Goberno debe ser o encargado de facer xustiza para as vítimas e as súas familias, e así o peso da lei xunto ao rexeitamento social caian sobre os maltratadores. En pleno século XXI debería ser unha prioridade buscar a igualdade entre homes e mulleres como un dereito fundamental das persoas. Trátase dunha realidade que non cabe nunha sociedade democrática e avanzada, pero tristemente é o día a día de moitas mulleres.

A consecuencia da crise derivada da pandemia, agraváronse os efectos das desigualdades. O confinamento visibilizó a situación de moitas mulleres que conviven co seu agresor. Durante o manifesto compartíronse datos estatísticos dunha macroencuesta que esclarece como o 35,7% das mulleres galegas sufriron acoso sexual na súa vida. Ou como o 33,9% sofren violencia por parte da súa parella ou exparella. Unha violencia que se pode expresar de forma psicolóxica, económica, física, sexual… Finalmente quixéronse lembrar ás 41 mulleres asasinadas en España durante este ano, das cales 2 son galegas, e as 1.074 mulleres que foron asasinadas desde que leva a contabilización oficial desde 2003. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, rematou o encontro destacando como a cidade vai continuar promovendo medidas concretas e actualizando os estudos sobre a situación das violencias de xénero como parte do compromiso da Corporación Municipal.