Arrincan as obras do orbital para conectar a autoestrada coa autovía de Lugo

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Cun investimento superior aos 22 millóns, a ligazón estará operativo dentro de trinta meses

25 novs 2020 . Actualizado ás 14:29 h.

Santiago mellorará substancialmente as comunicacións do norte da cidade dentro de trinta meses, co orbital. Despois de agardar varios anos e de ter que lembrar a súa necesidade a Madrid en máis dunha ocasión, as obras arrincaron esta mañá cun acto que reuniu en San Marcos ao delegado do Goberno, Javier Losada, á subdelegada na Coruña, Pilar López-Rioboo, e ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

Trátase apenas dun quilómetro de vía de alta capacidade, pero que para a cidade supón un gran paso adiante nas súas comunicacións terrestres. Non en balde conectará a autoestrada AP-9 coa autovía de Lugo (A-54) e mellorará substancialmente a conexión co aeroporto, que gañará un acceso directo por vía de alta capacidade desde a autoestrada. Ademais, facilitará a conexión dos polígonos do Tambre, Costa Vella e A Sionlla coa AP-9 e a autovía de Lugo, aliviando o tráfico pesado na súa contorna e reducindo as retencións en hora punta tanto no periférico como na ligazón Santiago norte. 

A actuación supón o investimento de máis de 22 millóns de euros e completarase co coñecido como orbitaliño, cuxo proxecto segue avanzando, segundo indicou Javier Losada. Agora mesmo estanse resolvendo as alegacións presentadas na fase de información pública ambiental. O orbitaliño conectará a autoestrada coa N-550. 

Para o delegado do Goberno, ambas as obras evidencian o compromiso do Executivo central con unha peza fundamental na rede de estradas de Galicia. E, para o alcalde, non só suporá unha mellora notable das comunicacións de Santiago e de toda Galicia, porque ao final "o norte e o sur de Galicia trenzan nesta zona" e servirá para que as áreas industriais do norte da cidade teñan "unhas comunicacións absolutamente privilexiadas". 

O arranque das obras localízase a a altura do quilómetro 91 da autovía Lugo-Santiago.