Así é a restauración das esculturas da Catedral

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

Catedral de Santiago

Este vídeo dá idea do aspecto orixinal da decoración das bóvedas

24 jul 2020 . Actualizado ás 13:03 h.

Os traballos de restauración do interior da Catedral de Santiago avanzan a bo ritmo, centrados actualmente na capela maior, unha das imaxes mundialmente máis recoñecibles da basílica xunto á fachada do Obradoiro e que non poden contemplar este verán as persoas que a visitan. Está previsto que a rehabilitación da capela maior, que afecta á práctica totalidade dos elementos artísticos que a compoñen, conclúa a finais deste ano. Debido ás obras na Catedral, a cerimonia da Ofrenda Nacional ao Apóstolo, que será presidida este sábado, Día de Galicia, polos reis Felipe VI e Letizia, terá lugar, por segundo ano consecutivo, na igrexa de San Martiño Pinario.

Os traballos no ámbito do cruceiro inclúen a limpeza e consolidación das policromías das esculturas situadas baixo as pechinas do cimborrio, catro anxos datados na época medieval. Xusto sobre as figuras destes anxos arrincan as catro «patas» metálicas que forman parte da estrutura que sostén o gran botafumeiro que «voa» dun lado a outro do cruceiro, polas naves laterais que teñen acceso desde as portas das fachadas de Azabachería e Praterías. O vídeo permite comprobar a recuperación de todo o esplendor das esculturas, e dá unha idea de como sería toda a decoración das bóvedas e paramentos dese espazo central da basílica.