Un xulgado de Santiago avala o illamento e corentena obrigatoria dunha parella e a súa filla menor infectados por coronavirus

Xurxo Melchor
Xurxo Melchor SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

A medida foi imposta pola Xunta e estará vixente ata que a familia deixe de representa un risco para a saúde pública

07 jul 2020 . Actualizado ás 19:01 h.

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago ratificou mediante un auto a medida adoptada o luns pola Consellería de Sanidade pola que se acordou o illamento e corentena obrigatoria dunha familia formada por unha parella e a súa filla menor de idade que deron positivo en coronavirus. A medida imposta pola Xunta estará vixente «ata que deixen de representar un risco para a saúde pública» e a súa prolongación dependerá do ditame do servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario compostelán.

No auto, que se emite un día despois de que se decretase o illamento, o maxistrado, José Vicente Alvariño, destaca que a autoridade sanitaria tomou unha decisión con «suficiente amparo legal» e que está dirixida ao fin «constitucionalmente lexítimo» da «defensa da saúde pública, a integridade física e a saúde da poboación en xeral.

Cando o illamento e corentena cheguen ao seu fin, explica o xuíz, «remitirase informe detallado con todas as incidencias que tivesen lugar ou de calquera outra que se poida producir durante a duración da medida, do que deba coñecer este xulgado».

Tanto o informe forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) como a Fiscalía se mostraron a favor de obrigar a permanecer illada a esta familia, que reside nun municipio da área sanitaria de Santiago e Barbanza. No seu informe, o ministerio público destaca ademais que os pais estiveron en estreito contacto con outro caso confirmado de coronavirus, que á súa vez tampouco estaba cumprindo a corentena e ao que tamén se obrigou a permanecer encerrado no seu domicilio por resolución do director xeral de Saúde Pública emitida o pasado luns.