Entregan na catedral de Santiago unha «Bolsa dos desexos» a favor da saúde e a doazón de órganos

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

A asociación que organiza a Pontevedrada promove unha nova iniciativa,  cun percorrido polo Camiño Portugués entre Tui e Santiago

20 ene 2020 . Actualizado ás 18:10 h.

Unha bolsa con desexos sobre a saúde e a doazón de sangue, órganos e tecidos,  recollidos en mesas informativas  que colocaron en Tui, O Porriño, Redondela e Pontevedra, e que lles chegaron tamén a través de Internet, foi entregada esta mañá por unha vintena de integrantes e voluntariado da Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo, de Pontevedra) na catedral de Santiago. Tamén conseguiron sete nove doantes, que solicitaron o seu cartón. É unha nova iniciativa desta entidade, que ten como obxectivo central fomentar a doazón.

A actividade consistiu en un percorrido polo Camiño Portugués, entre Tui, de onde partiron ás 8.00 da mañá do sábado, ata Compostela, onde chegaron sobre as 9.00 desta mañá, cunha hora de adianto respecto da previsión inicial. Sobre as dez reuníronse na Alameda, como tiñan programado, con representantes de diversas asociacións galegas que dan visibilidade a persoas afectadas de diversas enfermidades e problemas de saúde. Responderon á súa chamada a Asociación FranGil contra a leucemia, de Vigo, que fomenta a doazón de medula ósea; o proxecto Rodando, de Pontevedra, que promove a integración de persoas con discapacidade; a Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares (ASEM), a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Múltiple (Agaela), e a Asociación Sociosanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (Asseii).

«Os segredos deposítanse na bolsa e evidentemente gardamos segredo sobre eles. Eu pódoche desvelar o meu, que foi que asociacións como a nosa non teñan razón de existir. Iso significaría que teriamos os bancos de sangue cheos, que habería órganos para dar e tomar. Porque o noso principal obxectivo é sempre fomentar a doazón», manifesta Francisco Pérez-Mirás, presidente de Asampo. Entre quen se congregaron ao final estaban persoas en cadeira de rodas «mesmo unha afectada de esclerose múltiple e outra osteomizada, para quen supuxo un esforzo importante», agrega Francisco.

Esta actividade ten antecedes no ano 2017, explica: «entón fixemos Desexos ao ceo”, que consistía nunha solta de 100 globos, nos que atabamos os desexos que nos deixaba a xente nas mesas informativas. Pero ese ano xa nos demos conta que non era viable, polo dano ambiental que estabamos a ocasionar. Suspendemos esa actividade e no 2018 montamos unha mesa informativa con chocolate e rosca, na que se invitaba a quen se achegaba, e aí xurdiu a idea de facer a Bolsa dos desexos, recollendo desexos nas mesas informativas e trasladalos desde Tui, en substitucións, por persoas da asociación e voluntarias», explica Francisco.

A de hoxe foi a primeira edición. Realizaron os ao redor de 120 quilómetros de percorrido desde Tui a Santiago con apoio de varios vehículos. Ás 23.30 do sábado fixeron un descanso en Caldas de Reis e un pequeno grupo continuou a camiñada pola noite.

Pontevedrada

Asampo inicia o 1 de febreiro a inscrición para a próxima edición da Pontevedrada deste ano. Será a última fin de semana de abril, como é habitual: partirán o sábado 25 de Pontevedra para finalizar ao día seguinte en Santiago. «Agardamos remontar a participación, tras a paréntese do ano pasado, no que notamos un pequeno descenso, pois coincidiu coas eleccións xerais e cunha proba internacional de atletismo que se celebraba en Pontevedra», afirma Pérez-Miguéns.

A deste ano será a décima edición da Pontevedrada, que tamén promove a doazón de sangue, órganos e tecidos. «Na primeira edición houbo dous participantes; na segunda, 57, entre persoas e cans, pois tamén admitimos cans, que levan o seu dorsal; despois incrementouse ata 700 e continuar en aumento cada ano», indica Francisco.

Destaca os fins que perseguen: «Non todo o mundo é doante, pero todos somos ou podemos ser receptores de sangue, órganos ou tecidos. O sangue de momento non se fabrica e a doazón é imprescindible. Ou a medula ósea, sobre a que hai unha falta de información moi grande, pois hai persoas que a confunden coa medula espinal. Por iso hai que insistir en facer actividades que sensibilicen e promovan a doazón», manifesta.