Santiago reinventa a croqueta

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

O abano de sabores vai desde a de criollo ata a de castaña, shitake ou de lacón con grelos

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Din que as orixes da croqueta remóntanse á Francia de Luis XIV. Nestes catro séculos evolucionou, e moito, á vez que se converteu nun dos pratos máis populares. Tanto, que ata teñen o seu propio día internacional (celebrouse onte), e hai toda unha serie de templos que cultivan o culto a esta masa frita de infinitas posibilidades. Entre a hostalería de Santiago hai uns cantos e cada vez máis se animan a innovar e reinventar esta tapa tradicional. Saíndose da liña do típico están, por exemplo, as croquetas de polbo da Bodeguilla de Santa Marta e as de lacón con grelos que serve Javier Míguez e o seu equipo na de San Roque. Explica, iso si, que as segundas non levan grelos, só o seu sabor. Os clientes, di, están dispostos a probar sabores novos. Disto poden dar fe no Sendeiro. O restaurante fundado por Sergio Delpont e Alberto Fernández converteu as súas croquetas de chourizo e de castaña de Quiroga nun dos éxitos da carta. Entre os reis da tortilla tamén hai cabida para as croquetas con selo propio e, na Tita, capitaneada por Carlos Suárez, elaboran unhas de criollo. A Nave de Vidán ten de xamón e robaliza, pero ocasionalmente tamén as hai de cocido, choco, queixo, verduritas, polbo e ata de salmón. As que máis se demandan? As clásicas, de xamón, confirma Lois Lópes, copropietario do negocio. Na Tulla, a especialidade da casa son as de espinacas. E unha boa parroquia de adeptos teñen as do Boca a Boca, onde marcan a diferenza con croquetas de tempada como as de bacallau con espinacas. «As vexetais (de espinaca, cabaza ou cogomelos) teñen boa saída, mesmo entre os omnívoros, pero as que máis piden son as de sempre, as de xamón ou chacina», indica Isabel, dona do restaurante, no que fóra de carta pode sorprender tanto cunhas de shitake galego como de xamón asado e ovo duro. Ata unha estrela Michelin como Pepe Solla apúntase á revolución das croquetas, na Radio, cunhas de culler de pescada. E xa ninguén se sorprende ao ver a bechamel negra característica das croquetas de choco, un acerto asegurado en casa Aurelio (Santa Comba). Para gustos, croquetas.

Omar Montes en Touro.

«Que ninguén me falte», pedira Omar Montes a través das redes sociais anunciando a súa actuación en Touro. E a súa lexión de fans responderon á chamada. A pista central da discoteca Doa Dana estaba abarrotada para o concerto que deu o sábado pasado o artista, quen disparou a súa popularidade como exnovio de Isa P (nome co que quere darse a coñecer na música Isa Pantoja, alias Chabelita). O exconcursante de Sobreviventes que conseguiu gañarse o cariño dunha sogra de armas tomar como Isabel Pantoja arrincou os coros e os bailes con temas como Pantera entre un público novo. Poucos se resistiron a sacar o móbil para gravar a actuación e algúns ata conseguiron que o cantante de reguetón accedese a sacarse unha foto con eles.

SANDRA ALONSO

Tatuaxes nostálxicas

O estudo de tatuaxes que ten Rubén Pita en Santiago celebra mañá un evento especialmente pensado para os máis nostálxicos e atrevidos. Durante todo o día, desde as once da mañá e ata as oito e media da tarde, sete tatuadores gravarán aos que cedan a súa pel á tinta deseños das series icónicas da infancia a prezos especiais en Nora Tattoo. O flashday a medida de ochenteros e noventeros bautizado como Xabaguay contará con Mike, Bona, Rúa, Marco P., Pérez, Jas, e Phoghett a cargo das tatuaxes. Ademais, haberá petiscos, música e artigos varios do mítico Xabarín Clube cos que colabora a tenda Atlántica, veciños do negocio de Pita na Rúa Nova, entre outras moitas sorpresas.

MÁIS HISTORIAS DE PATRICIA CALVEIRO